Etiquetas

, , ,

Hai noticias que non podo ler ou escoitar sen que me trema o pulso. Unha, a deses nenos roubados ás súas nais e pais nos hospitais para ser vendidos. Hai 261 denuncias na Fiscalía Xeral do Estado, pero cantos casos habería en realidade, porque foi unha práctica constante, en hospitais de toda España, durante 40 anos. Primeiro eran os fillos das republicanas, e cando se soubo, pasou ao saco ese de que “es mejor olvidar todo eso”. Logo fixérono a quen lle tocara. Cadeas que sempre empezaban polo médico que enganaba á nai e remataban por un cura ou unha monxa que lle entregaban o bebé aos novos pais. Cadeas nas que participaban comadroas, enfermeiras, empregados de funeraria, notarios…, convenientemente engraxadas polo cobro de 50.000 pesetas dos anos 50 ata un millón mediados os 80 por cada neno. O prezo dun piso. “No se preocupe. Métalo en el maletero, y si se muere, lo tira y le damos rápidamente una niña”, dixéronlle á compradora dun bebé delicado de saúde os empregados dun hospital.

O que chama a atención, ou non, porque xa se sabe que o franquismo foi unha época marabillosa na que as clases altas non cometían delitos, é que nos extremos desa cadea de atrocidades estaban representantes dos estamentos que teñen a sagrada misión de coidar dos nosos corpos e das nosas almas. Tamén que, despois de anos saíndo informacións sobre eses casos, ningunha autoridade movera unha palla para aclaralo, e mesmo hoxe os medios non dan información sobre os acusados ou das súas versións. Igual que hoxe tamén chama a atención, ou non, de que o roubo que se está perpetrando á maioría da xente, á de agora e aos nosos fillos, o estean argallando os que nós escollemos para que nos defendan. Os representantes políticos que recibiron a confianza da maioría dos cidadáns para que se ocuparan de gobernar ou de vixiar a quen goberna, e os dirixentes dos sindicatos maioritarios.

Porque sigo sen entender como manter á xente máis tempo traballando, ou dar facilidades para que a boten, axuda a crear emprego. Non o digo eu, repito o que  escribiu o ex ministro de Zapatero Jordi Sevilla no seu twitter hai uns días: “Conste q no estoy en contra, pero privatizar cajas, jubilarse a 67 y despedir con 20 días no veo cómo ayuda a crear empleo HOY. De verdad”. Como non entendo, vou beber en fontes de tanto prestixio á hora de pensar máis nos cartos que na xente como The Wall Street Journal. Este luns pasado publicaba un artigo de Irwin Stelzer, director de estudios de política económica no Hudson Institute, “España aún puede evitar la catástrofe financiera”. Nel sinalaba que zafar da ruína dependía, entre outros factores menos intelixibles para min, de que os ingresos da xente non seguiran baixando (segundo el, a renda dispoñible real dos fogares baixou case un 6% o ano pasado). Se estás no paro ou se, con vistas á xubilación, elixes traballos peor pagados porque neles cotizan por ti, ingresas menos, e gastas menos. Xa sei que queda moi inxenuo e contracorrente apuntar que levamos case cen anos coa mesma xornada laboral de oito horas (polo menos en teoría) e que ao mellor, do que se trata é de traballar menos. Xa sei que é unha inxenuidade pero segundo a axencia estatal de estatística canadiana, dos países ricos, Canadá é o que máis rapidamente se deu recuperado da recesión actual, en parte grazas a que as empresas recortaron a semana de traballo en vez de recorrer a despedimentos masivos. Pero sei que é unha inxenuidade. Os roubados sempre son os mesmos.

(La Opinión de A Coruña 31 de xaneiro de 2011)

Advertisements