Nas noticias de internacional, entre tanta páxina merecidamente dedicada a eses centos de milleiros de exipcios e tunisianos que aspiran a ser xente normal, tratada normalmente, vin unha certamente curiosa: o goberno conservador do Reino Unido acaba de subirlles os impostos sobre beneficios aos bancos. Curiosa porque iso quere dicir que a banca sigue a ter beneficios, e porque os Mercados parece que non pían en contra, ameazando coa apocalipse. E curiosa porque aquí, nin o goberno teoricamente progresista nin o practicamente conservador que se aveciña, adoptan ou adoptarán, nin siquera debaten, ese tipo de medidas a favor da xente. Da xente que quere ser normal e non suxeito inerme de abusos.

Abusos como o das hipotecas. Na maioría dos países, se che dan uns cartos para que merques algo e non cumpres, quítanche o comprado. O caso máis sangrante e máis numeroso, a casa. En España, cando hipotecas unha vivenda, o realmente hipotecado es ti, quitado ese home ao que se lle apiadou a Audiencia Provincial de Navarra. E aínda foi peor do que é. Fixeron falta milleiros de estafados por unha multiacademia de inglés, que tiñan que seguir pagando un curso que deixaran de recibir para que alguén caera na conta de que era unha estafa dobre e se medio amañara a normativa. Por ese método, o do clamor popular, fóronse parcheando escándalos como o de que darse de baixa dunha compañía de telefonía fose tan arduo como divorciarse. É dicir, en España, as autoridades compórtanse coas normativas que afectan a millóns de cidadáns como un policía que soamente defende a un agredido cando xa está mallado a golpes, e non cando ve que o agresor bota man dun pau.

Claro que aínda quedan unha chea de paus en mans dos agresores. Un amigo remíteme a carta dun consumidor ao que unha compañía eléctrica lle comunicou que procedería a cambiarlle o contador da luz, substituíndo o de toda a vida, de revisión manual (máis ben a ollo), por outro máis moderno que os da empresa subministradora poden consultar desde a oficina. Afórrolles a prosa relambida común a todos os que se dirixen a nós cando en realidade están pensando nos nosos petos. Unicamente lles reproduzo a esencia: “El coste de la sustitución correrá a cargo de Endesa y usted sólo tendrá que abonar una cantidad en concepto de Derechos de Enganche, que según se establece en la legislación  actual asciende a 9,04 euros”. Como lle respondeu o cliente, a lexislación actual establecerá que os dereitos de enganche ascenden a esa cifra tan pouco redonda, pero a conto de que o usuario ten que pagar un enganche que non pediu, e que xa pagou cando lle puxeron a luz? Se tan listo é o aparato novo, que se instale sen desengancharse ou facendo un bypass. E se non, que o pague a compañía, que para iso aforrará unha chea dos salarios dos que antes ían mirando os contadores.

O malo deste caso é, como en todos os timos masivos, que a inmensa maioría dos timados (boten contas de cantos clientes ten unha empresa eléctrica, e logo multipliquen a cifra por 9,04 para estimar o beneficio) prefire soltar os nove ouros e non meterse en sarillos, non sexa que efectivamente os desenganchen. Pero destas cousas non di nada o PSOE actual e o PP futuro. A ver se despois de abandonar o cargo non van ter unha triste asesoría á que acollerse.

(para sábado 12 de febreiro de 2011)

Advertisements