Etiquetas

, ,

Un home acaba de renunciar ao seu posto de traballo porque lle rebaixaron o salario que lle prometeran, e porque ía ter menos traballo do que estaba disposto a facer. Ese exemplo de dignidade laboral, a piques de cumprir os 68 anos, chámase Fernando Casado. Dimitiu como presidente de CatalunyaCaixa aos tres meses de ocupar o posto. Casado pedira, cando o ficharan, cobrar o mesmo ca no Instituto de la Empresa Familiar, que dirixía desde 1993: 800.000 euros anuais (pensei que a empresa familiar era outra cousa). Na primeira xuntanza da executiva, alguén apuntou que en realidade no IEF pagábanlle 600.000, e acordaron en deixar a cousa en 450.000, máis bonus. O malo é que cando o asunto pasou ao consello de administración, non soamente se opuxeron os representantes sindicais –eses resentidos-, senón tamén os das corporacións locais (inconvenientes de ser aínda unha caixa e non é un banco). Tendo en conta que a presidencia de CaixaCatalunya é honorífica e a tempo parcial, decidiron fixarlle o mesmo salario que ao seu predecesor, Narcís Serra (si, o do piano): 200.000 euros. Casado, como todo o mundo, quería cobrar máis e mandar, e deixouno. Nun comunicado explicou que se ía porque “apareceu un novo entorno que modifica as necesidades de goberno”.

Se alguén está sacando o seguro da pistola das queixas para clamar contra os soldos dos políticos, ese clásico de agora e de sempre, que non conte comigo para o pelotón de fusilamento. Considero que, en xeral, o soldo dos altos cargos é máis que axustado, quitadas casos como as remuneracións que se poñen a si mesmos algúns alcaldes. Mesmo me parece comprensible a actitude do dimisionario. Levaba case 20 anos cobrando unha cifra resultante de multiplicar o salario mínimo por 150, e nos últimos dez anos era membro asesor ou do consello de administración de media ducia de grandes empresas (á vez), así que o seu era un caso claro de perda do poder adquisitivo. O que me parece escandaloso é que llo aceptaran de primeiras (o negociador concreto foi o gurú económico do PSC, Antoni Castells) para facer de floreiro nunha entidade que recibiu 1.250 millóns de axudas públicas, e que vai pedir máis nos próximos meses, que se desfixo de 1.500 postos de traballo e que está a negociar cos sindicatos –eses xa saben- unha rebaixa salarial do 5%.

E o que me parece xa de ilo mirar colectivamente é o silencio cordeiril dos que facemos de peana para que se suban nela, accionistas clientes e votantes. Un exemplo: no medio da suba da electricidade, o sector enerxético repartiu no último exercicio aos seus executivos 51 millóns de euros en bonus que son como o quiñón que lles corresponde aos mariñeiros ou o botín que reparten os piratas. É como se as sardiñas comentaran mentres boquean na rede: “mimá, que ollo ten o patrón de pesca este! E iso que estabamos agachadas debaixo do sargazo!”. Ou se os abordados por un barco pirata apreciaran a manobra: “Déstesvos conta de que habilidade en izar a bandeira negra no último momento, transgredindo a ríxida e obsoleta normativa internacional, e como, esporeados polos incentivos dependentes de resultados, pasaron a coitelo a nosa garda, desmotivada pola soldada fixa? E a fría determinación, sen sentimentalismos, coa que nos rabenaron o pescozo?”.

Se están preocupados polo futuro laboral deste noso heroe da clase traballadora (que hai uns meses xa opinaba que a xubilación deberíase retrasar incluso ata os 70 anos), fóra penas: dirixirá o Consejo Empresarial para la Competitividad, creado por unhas vinte grandes empresas co obxectivo de recobrar a confianza dos mercados internacionais na economía española. Aínda hai solidariedade neste mundo.

(La Opinión de A Coruña, 19 de febreiro de 2011)

Advertisements