Etiquetas

, , ,

No espazo informativo que deixou libre a operación de Esperanza Aguirre, os medios ocúpanse da traxedia de Libia. O bo da información internacional é que nela pódese ser crítico e incisivo (os afectados nin poñen anuncios, nin mandan cartas ao director, nin siquera compran o periódico ou inflúen na audiencia), e mesmo os editoriais dos periódicos máis influentes do mundo esixen aos gobernos que fagan algo. O outro día escoitei que para que haxa unha revolución ten que haber cambio de poder, cambio da propiedade e tense que derramar sangue. Eu non estaba moi de acordo co do sangue, e de feito, en Tunisia e Exipto, a que se derramou –con todo o respecto ás vítimas- é similar a que se derrama por cousa do tráfico nunha semana. Claro que alí tampouco penso que vaia haber cambio na propiedade. Para min o factor decisivo para que haxa unha revolución é que haxa moita xente que non teña nada, ou case nada, que perder.

De Libia soamente sabiamos que tiña petróleo e un ditador amante dos disfraces, entre eles o de revolucionario, polo que, respectivamente, tanto era recibido en Occidente polos gobernantes cando facía xiras vestido de Lawrence de Arabia (quitado Fraga, que como agora ninguén se lembra, se desprazou a Trípoli a verlle o espectáculo en directo), como por certos círculos esquerdistas que lle aplaudían a verborrea populista (o último, Hugo Chávez). Nun cambio máis de disfrace, hai anos engadiu ao fondo de armario o de amigo dos Estados Unidos e do Reino Unido, e seguiu ao seu, sen que a ninguén lle importara o que facía un tipo tan delirado que vestía por vontade propia uniformes similares aos dos porteiros dos hoteis de luxo ou aos de Michael Jackson.

Agora que os libios están fartos, non posiblemente da falta de democracia, senón de non ser como a xente normal, Gadafi quita os disfraces e Occidente, tamén. Tanto ten que, a cen kilómetros de Europa, un ditador mande mercenarios a acribillar á poboación e mande executar a 17 pilotos que se negaron a bombardear civís. Como dixo el mesmo, a culpa de todo isto tena Bin Laden e se a cousa sigue así, vaise pechar a billa do petróleo. Por fin fala claro. Vaia por diante que todos mercamos sen maiores problemas cousas que fabrica xente que nos parece impresentable, pero o que pasa co petróleo é ben pavero. Pódense argallar guerras por telo, pero non se poden parar xenocidios se ameazan con suspender o subministro. A reacción da UE nos primeiros momentos –e mira que desta vez non se pode dicir que collera a ninguén por sorpresa- daría risa se non dera pena (especial mención ao goberno español, que suspendeu unha contrata de material militar: gafas de visión nocturna). Agora parece como que a UE ameaza con levar a Gadafi ao Tribunal Penal Internacional. Sempre está ben que os presuntos delincuentes pasen polo banquillo, pero nestes momentos non deixa de ser case un estímulo para que o tipo aguante (non levan a ninguén cando está no poder) e por outra parte, o Tribunal Penal impide que haxa ditadores tanto como os xulgados de instrución impiden que haxa roubos.

O medo agora é á suba do petróleo (dez euros por barril supoñen para España unha subas de 6.000 millóns de euros nos gasto enerxético, daquela, cando baixa, tamén aforramos tanto?) e á marea de inmigrantes (non sei se tiveron tal medo en toda América cando a Guerra Civil española e a II Guerra Mundial). Se ese é o exemplo do mundo chamado libre e civilizado, eu de ser libio pensaríao dúas veces antes de rebelarme.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 26 de febreiro de 2011)

Advertisements