Etiquetas

, , ,

Saberán que o luns pasado cambiou a súa vida. Polo menos a dos que conducen un vehículo a motor polas vías rápidas. Terana que desenvolver algo máis a modo, arredor dun 8% máis a modo, e pasarán un 8% máis de tempo no coche. Os 120 kilómetros por hora que case todo o mundo estira nas autoestradas, serán desde este luns 110, segundo anunciou hai días Alfredo Rubalcaba. Eu, por exemplo, tiña unha cita en Santiago ás dez da mañá dese luns, e como me coñezo, cambieina para as dez e media.

Se alguén lle quixo poñer paus nas rodas ás posibilidades de Rubalcaba como futuro candidato presidencial socialista, o que lle meteu foi un poste telefónico. Porque a sociedade española será todo o tolerante e guiada que queiran, pero que non lle toquen as cousas importantes como poder coller un avión para ir de vacacións ou correr todo o que dea o coche, a habilidade para conducilo ou o cálculo de probabilidades de que te collan. Xa vexo os foros de internet todos, e os programas radiofónicos con chamadas dos oíntes, inzados de condutores furibundos multados por ir pola vella limitación de velocidade.

Eu, a verdade e sen queixarme por adiantado das posibles consecuencias de non ter retrasado a miña cita do luns, discrepo bastante da eficacia da medida, se atendemos ao seu obxectivo declarado, o de baixar o consumo.  É certo que hai estudios que aseguran que baixar o límite de velocidade (en realidade, a velocidade, poucos coches baixan de 120 nas autoestradas e autovías) ese 8% aforra case un litro de gasolina e algo máis de medio litro de gasóleo cada cen kilómetros. Pero hai modos de conducir que aforran tanto ou máis, como usar marchas longas, levar as roldas inchadas no seu punto e non andar pegando aceleróns. E hai medidas que aforran moitísimo máis: por exemplo, concibir o transporte público como un sistema de cubrir as necesidades dos cidadáns e non como un método de satisfacer as lexítimas aspiracións de negocio das empresas concesionarias ou de non meterlle presión ás empresas públicas.

O que si é posible é que teña un aspecto máis positivo, e que Rubalcaba se limitou a describir como “efecto colateral” (debe ser que agora un argumento que non sexa económico non é argumento): a baixa na sinistralidade. Hai un estudio noruegués que establece que un aumento do 1% da velocidade media producirá, aproximadamente, un incremento do 2% nos accidentes e do 4% nos accidentes mortais, pero, sen faltar a ninguén, estudios hai de todo tipo (e teño que recoñecer que conducín por Noruega e non poder pasar de 70 foi un tanto desesperante). Pero o certo é que cando en Dinamarca aumentaron o límite de 120 a 130, a cifra de mortes subiu nun ano o 20% (agora o límite é 110). Non teño en conta as posibles consecuencias apuntadas por Fernando Alonso (o de que a 110, a xente vaise durmir) porque hai tempo que é evidente que as virtudes coñecidas do piloto redúcense exclusivamente a facer correr un bólido nas pistas preparadas a tal efecto.

O que si reduciría non sei se o consumo de combustible, pero si o de nervios en xeral (e máis que posiblemente os accidentes) sería un control rigoroso dos émulos de Fernando Alonso, que van conducindo e trazando como se logo, nas gasolineiras, en vez de botar 15 euros de súper e dicirlle á caixeira que non teñen travel nin outra tarxeta de puntos, lle foran encher o depósito e cambiar as rodas en menos de tres segundos. Pero xa sei que ese non é un argumento económico.

Advertisements