Etiquetas

, , ,

Postos a buscarlle unha parte positiva ao exhibicionismo (non corporal) que nos invade nos medios, esta é a de que está contaxiando aos poderosos, como podemos ver, con algo de curiosidade e moito de vergonza allea, na correspondencia entre Ruiz Mateos e a cúpula do Banco de Santander, que desvelou o propio remitente. Por se a única correspondencia bancaria que lles interesa son as misivas que lle manda a súa entidade comunicándolle as actividades dos cartos que ten nela, direilles que as cartas que Ruiz Mateos enviou en 2009 e 2010 van desde os eloxios untuosos que poñerían colorado a calquera persoa normal que tivera que estampar a súa sinatura debaixo, ás ameazas directas.

Por exemplo, o responsable de riscos do Banco, Javier Peralta, pasa de ser proposto como modelo e candidato aos altares, (“cuando uno de nuestros ejecutivos destaca en su gestión de manera acertada, le felicitamos diciéndole que es un ‘Peraltino’, un fuera de serie. Y si un día llegaras a ser canonizado, te llamarían San Javier Peralta, Jefe de Riesgos del Banco Santander”) a ser o demo (“lo peor de los peor”). Tamén o propio Botín pasou de ser destinario de misas pola súa saúde na capela da casa Ruiz Mateos (e de tres caixas de flans Dhul polo Nadal) a selo desta carta: “Después de tanta injusticia y continuada persecución, no tengo nada que perder, lo que sería un grave error por tu parte, pues dejarías de ser el ombligo de oro del mundo, y debes saber que los banqueros sois los más odiados de la sociedad en la que vivimos. Tú sabrás…”

A min os usos epistolares das elites financeiras españolas soamente me interesan desde o punto de vista estilístico (aínda que para os psicólogos deben ser unha mina). Pero desde a solidariedade cos traballadores afectados polas peculiaridades do noso complexo empresarial-financeiro, e como probable afectado polo saneamento con fondos públicos de Nueva Rumasa que se reclamará desde diversas instancias, preocúpanme estas liñas de febreiro de 2009: “Mucha de la publicidad y comentarios que de vez en cuando salen en los medios de comunicación, sobre inversiones y puestos de trabajo, forman parte del ‘marketing’ de cara a la opinión pública, pues a la hora de la verdad, cuando llevamos a efecto alguna operación mercantil, es porque recibimos más, de lo que invertimos… Los tiempos no están para invertir, sino para recoger… a veces es bueno aparentar de cara a sostener un clima de confianza y seguridad ante nuestros proveedores y clientes”. Ou sexa, que levaba dous anos vendéndolle fume aos incautos que investían no seu grupo empresarial.

Incautos cada día deben nacer varios, e sen memoria, ou é que aínda hai quen acredita na conspiranoia de que houbo intereses políticos no da vella Rumasa. Daquela, co mesmo discurso vitimisma e antisistema que apunta na carta de desamor a Botín, Ruiz Mateos presentárase ás eleccións ao Parlamento Europeo de 1989. Foi a sexta forza, despois de PSOE, PP, CDS, IU e CiU, con 608.000 votos que lle deron dous escanos. En Galicia (e sobre toda na Coruña e Pontevedra) foi a cuarta, con 40.600 votos, por riba dos 39.000 do BNG, dos 31.000 de PSG-Esquerda Galega, dos 28.500 de Coalición Galega, dos 18.500 de IU e dos 13.000 do PNG-PG. Imaxino que o obxectivo de José María Ruiz Mateos ao poñer as cartas sobre a mesa non é preelectoral, senón o de demostrar o moito que pelexou contra os bancos. Pero a conclusión é a abismal, mesmo abisal, diferenza que hai entre as elites e a xente normal. Polo menos eu non lle escribo ao director da sucursal anunciándolle que vai entrar no santoral.

(La Opinión de A Coruña 12/03/2011)

Advertisements