Etiquetas

, ,

Vaia por diante que non sei nada de enerxía atómica. Para distinguir entre fusión nuclear e fisión nuclear pásame igual que con babor e estribor, teño que pensalo un pouco, e se leo miliSieverts penso antes en informática que en medidas de radiación. Pero grazas a unha dilatada experiencia, recoñezo as mentiras, as demagoxias e as medias verdades interesadas cando se expresan ante un micrófono ou nun titular. E se teño unha preocupada solidariedade polo que poida pasar no Xapón, teño un terror completo e sen matices se Fukushima chegara a estar por aquí.

De entrada porque aquí, a central de Garoña é da mesma quinta que a de Fukushima e usa o mesmo sistema de contención, o modelo Mark 1 de General Electric, que xa en 1972 foi cuestionado por escasiño en canto aos sistemas de manter dentro e non se quere que bote fóra. Garoña caducou hai menos dun mes. Un mes e pico antes, Endesa, a empresa propietaria (de Garoña, non do PP), designou asesor (de Endesa) ao presidente de honra (do PP), José María Aznar cun soldo de 200.000 euros anuais. O PP pediu que se prolongase a súa vida útil (de Garoña, non de Aznar) dous anos máis. O PSOE estao pensando, que está moi ben, pero mentres se decide a central sigue funcionando (250 millóns de euros de beneficios por cada ano que dure a meditación). O goberno do Xapón, país de terremotos, foi criticado en 2008 polo Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA) -nun informe que coñecemos grazas a Wikileaks- porque os protocolos de seguridade contra os sismos só foran revisados tres veces nos últimos 35 anos. Imaxinen neste, no que os plans de seguridade consisten en recomendar meterse na casa e facer caso do que vaian dicindo as autoridades, e no que os simulacros de emerxencia anúncianse previamente nos medios de comunicación.

Tepco, a empresa de Fukushima permitiuse (ou lle permitiron) agachar información en douscentos casos entre 1977 e 2002. En 2007 tampouco alertou sobre os fallos na central de Kashiwazaki-Kariwa, danada tras un terremoto de magnitude 6.8. Iso en Xapón, unha sociedade cunha ben tráxica experiencia sobre as consecuencias de liberar átomos. Pois imaxinen aquí, que as leis fan máis doado divorciarse da túa parella que dalgunhas empresas de servizos. Ben é certo que alí son máis educados. Nun dos casos Tepco pediu as “súas sinceras desculpas por incorrer en prácticas deshonestas”. E tamén a miña experiencia fai que poña a remollo as conclusións dos técnicos, a favor ou en contra. Cada vez que pasa algo, sempre hai opinións técnicas que aseguran que iso non se poderá dar de novo, porque a tecnoloxía é máis segura, como se alguén certificara que a substitución das rodas macizas acabaría coas saídas de vía dos coches porque os pneumáticos agarran máis. Despois dos tres accidentes nucleares graves (Windscale, 1957; Three Mile Island,1979 e Chernobyl, 1986) sempre se dixo que non se ían repetir, pero sempre falla algo novo, quizais a xunta da culata. (O responsable da Comisión de Enerxía Átomica da India asegurou que alí non podería pasar o de Xapón porque as nucleares están en terreos máis altos, onde os tsunamis non podían danalas).

Pero o que máis medo me pon aquí sería a reacción mediática. Hai un accidente na outra punta do mundo e xa hai unha chea de opinadores que se poñen como hidras chamando nenazas a quen cuestione a enerxía atómica ou advirta do perigo. Eu, como dixen, non teño nin idea de se a cousa é grave ou moi grave, pero os traballos á desesperada en Fukushima para que a cousa non estoupe parécenme un índice bastante revelador.

(La Opinión de A Coruña, 19/03/2011)

Advertisements