Etiquetas

, , , ,

Non sei porque ten tan mala fama a estatística (esa ciencia que demostra que se o meu veciño ten dous coches e eu ningún, os dous temos un, como dicía Bernard Shaw) e tan boa os informes económicos ou técnicos. Ao fin e ao cabo, en ocasións tanto unhas como outros parecen feitos polo mesmo método co que un enxeñeiro amigo meu facía a declaración da renda: escollía a cantidade que quería pagar e logo facía as contas para que lle cadrara ese resultado. Eu non digo que ese sexa o método co que a Mati (a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) calculou que a baixada do límite de velocidade nas autoestradas e autovías vai ocasionar unhas perdas anuais de 28 millóns de euros na produtividade dos galegos. Máis ben atribúo a miña incredulidade a que non debo saber ben o que é a produtividade.

Para min que a produtividade tiña que ver máis co resultado do traballo (e de cómo estea organizado), que co tempo que metas nel, porque España é dos países europeos nos que máis horas se traballa á semana, pero debo estar equivocado. Se a velocidade inflúe na produtividade, debe ser porque se perde máis tempo en desprazarse, quitado que sexa porque ao ir a menos trapo, o traballador atoucíñase e non rende. Un condutor tarda agora en facer un traxecto de 100 kilómetros catro minutos e pico máis que cando podía circular a 120, sempre que vaia ao límite, pero entrar a traballar entra á mesma hora. De todas formas, de ser certo, acábase de descubrir un sistema para incrementar substancialmente produtividade: deixando correr máis. Os 28 millóns que perde a produtividade indo a 110 ganaríanse a maiores podendo ir a 130, e de aí para arriba. Se fose obrigatorio durmir  no choio, a produtividade botaría por fóra. Claro que, sen chegar a eses extremos, quizais aumentara se, en lugar de ter que ir a traballar no coche, houbese transporte público e non o que aquí se chama así.

O que entendo menos das declaracións que fixo o conselleiro Hernández no Parlamento é que a nova limitación é prexudicial para o conxunto da cidadanía. A produtividade está moi ben (sobre todo para os que cobran por beneficios), pero mellor está aforrar (en combustible e en multas, que baixaron), por no falar das vantaxes, en calidade de vida e tamén en produtividade, de ir menos estresado a currar. De feito, o propio conselleiro recoñeceu que os informes –claro que os informes dos outros- son daquela maneira, porque os que fixeron no Goberno central bandean desde un aforro en combustible dun 15% (o Consello de Ministros) ao 3% (o ministerio de Industria), pasando por entre o 5% e o 22% (o ministerio de Fomento).

Eu empezarei a crer algo máis nos informes cando analicen a produtividade (e o tempo e a calidade de vida) que se perde por esas obras que duran un par de anos coa escusa de facer máis bonitas as cidades (e de paso un parking en concesión). Non digo que non haxa que facelas (as obras e as cidades máis bonitas), pero sabendo que custan algo máis que o que se gasta en cemento e man de obra. E aínda así, fiareime o xusto, porque como xa se decatou hai máis de cen anos o historiador e ensaísta inglés Thomas Carlyle, cos números pódese demostrar calquera cousa.

(La Opinión de A Coruña, 26/03/11, Faro de Vigo, 29/03/11)

Advertisements