Hai noticias que incitan a que, logo de experimentar a satisfacción do deber cumprido de colaborar ao sostén dun dos elementos imprescindibles dunha sociedade democrática e ilustrada, o mellor é non abrilos para seguir tendo algo de esperanza no xénero humano. Noticias como a do mozo que estrangulou á súa moza, nai dunha súa filla de tres anos e doutra criatura que nacería dentro de catro meses, e logo contoullo por webcam ao seu pai e avó da nena, con ela no colo, nunha conversa de seis horas. Ou, sen se poñer tan tremendos, a do tipo que entrou na casa dunha veciña ao modo medieval, en todos os aspectos, pero usando como ariete o máis moderno instrumento da bombona de butano, para logo emprendela a puño limpo primeiro co equipo de música e logo coa propietaria.

O que matou á moza en Torrejón de Ardoz tiña 21 anos (ela 19), e a información que lin especifica, dado que verdugo e vítima eran romaneses que “no tenían antecedentes policiales, y tampoco existe constancia de que tuvieran relación con mafias o grupos delictivos”. Non sei que terá que ver unha cousa con outra, máis ben ao contrario: como seguidor acérrimo de Los Soprano, sei que neses ambientes hai un exquisito respecto á institución familiar. É máis, o tormento ao que someteu ao imaxino que estupefacto pai, aló en Romanía, antes que algo sacado dun episodio de Mentes criminales, parece sobre todo unha confesión, máis incluso no aspecto católico que policial.

No caso do home de 47 anos que asaltou en Ferrol o piso dunha veciña, e xa de paso á veciña, porque tiña a música alta un domingo ás 11 da mañá (reteñan ese dato, domingo, 11 da mañá) non se especifica se tiña antecedentes, e parece outro caso sacado da imaxinación dun guionista sometido á presión de extraer todo o histrionismo de Bruce Willis. Ignoro que música (a min ocórrenseme algunhas, pero non vén ao caso) pode inducir a un ser humano sen antecedentes a substituír o tradicional toque con escoba polo máis traballoso proceso de desenganchar a bombona da válvula, cargar con ela, usala de marra e logo ter que recollela e volvela conectar.

Claro que ler as noticias nos periódicos ten as súas vantaxes. Por exemplo, a de aforrar os comentarios que os cidadáns fan nas versións dixitais. Por limitarnos ao menos dramáticos dos sucesos, practicamente todos expresaban a súa solidariedade co bombonista e detallaban os métodos que utilizarían –ou mesmo utilizaron- eles en casos similares. Ningún citaba o volume –e o gusto musical- das atraccións festeiras como fonte de ruído eliminable. Antes, o normal sería botarlle a culpa de que pasen cousas como estas á televisión (ou aos videoxogos, ou aos xogos de rol, ou a internet). Agora, ás vítimas e/ou ao goberno. Non lles falta razón.

Non sei se se acordan daquela polémica na que os responsables de Sanidade do goberno rexional de Madrid acusaran publicamente a todo un departamento médico dun hospital de matar a enfermos terminais. Despois resultou que a práctica do equipo que encabezaba o que se fixo desgraciadamente famoso como “el doctor Montes” (“doctor Muerte”, para os comentaristas máis soltos) era intachable desde o punto de vista médico e ético. Un daqueles comentaristas, Miguel Ángel Rodríguez, está sendo xulgado estes días por ter comparado reiteradamente, en dúas cadeas de televisión, os métodos do doutor Montes cos dos responsables dos campos de concentración nazis. Rodríguez, mentres o seu defensor trataba de sonsacarlle ao denunciante se ía a mitins do PSOE, non o negou, pero botoulle a culpa á televisión, na que hai que dar espectáculo. Non sei se utilizaba o mesmo criterio cando era portavoz do Goberno de España.

(La Opinión 9/4/2011)

Advertisements