Etiquetas

, , , ,

Non son especialmente futbolero, vexo ou non a media ducia de partidos do século que hai en cada tempada. Aínda que teña os meus colores, nin falo demasiado do asunto, e escribo menos, porque considero que o fútbol é un crenza coma outras, que se deben tolerar mentres se manteñan no ámbito da privacidade. Se alguén considera que non se debe comer carne uns días determinados do ano, ou que o matrimonio é unha decisión que podes tomar, pero non rectificar, ou que hai que levar o pelo sen cortar e recollido nun turbante, e actúa en consecuencia, pois moi ben, sempre que non intente facer seguir esas normas aos demais. Aí xa estamos falando doutra cousa. Por esa razón véxome na obriga de tocar o Real Madrid-Barça. Porque as súas consecuencias, do último partido, dos anteriores e dos que virán, van máis alá das alegrías ou as tristuras que teñan os seus respectivos adoradores (quero dicir seguidores), e están afectando ao conxunto da sociedade.

Teño que confesar que non vin o partido, e non porque non tivera ganas (que tiña, pero tampouco como para deixar outras cousas), así que non vou opinar de se Pepe ou se Alves, ou se as tácticas de cada equipo foron boas, malas, mediopensionistas ou centrocampistas. Chégame con ler as noticias xeradas antes, e sobre todo despois, para darme conta que o que Francisco Álvarez-Cascos, na súa faceta de ministro e non de converso autonomista asturiano, declarou como de interese xeral, estase a converter nun risco xeneralizado. Non é porque me poña en plan que hai actitudes que desvirtúan un nobre deporte. O fútbol é deporte nas categorías inferiores, ou nas de veteranos, pero o que chamamos fútbol é un espectáculo ao que cada vez máis todo separa dunha competición autenticamente deportiva, empezando por como se reparten os cartos que produce entre os clubs que participan e acabando pola inexplicable resistencia a usar para a arbitraxe medios tecnolóxicos que se empregan ata en carreiras de medio fondo onde parece máis doado ver quen chega antes que quen. Nese proceso de des-deportización, o primeiro foron as presidencias das entidades, que por moi sociedades anónimas en que as convertiran, agora parecen postos pensados nalgún caso para redimir penas de presunta corrupción urbanística, previa ou posterior á chegada ao cargo.

Os futbolistas son futbolistas, e uns teñen cabeza e outros úsana exclusivamente para rematar ou despexar. Os adestradores eran ata agora a reserva espiritual do occidente balompédico. Señores co cerebro e a experiencia como arma principal. Ata botaron a un, Camacho, non sei se recordan, de seleccionador español por suar profusamente. Cabaleiros que se tiñan que queixarse de algo –o árbitro, o tempo, as lesións- facíano cunha frase lapidaria que daba como moito para o titular dun día. Ata que chegou este tipo. Mouriño. Mesmo os medios que se dedican a construír ídolos de calquera individuo que contrate o equipo da capital, antes de que demostre nada, adiantaban que simpático precisamente non era. Aquí xa o sabiamos. De todos os misters de equipos que se enfrontaron ao Deportivo, e foron só dous partidos, foi sen dúbida o máis borde e faltón, dunha agresividade innecesaria. Despois debeuse ir decatando máis xente, porque hai que ser miserable redondo para descualificar como descualificou a un equipo modesto, como o Sporting, despois de perder con el. E agora danse conta ata os madridistas (quitado os que xustificarían o asasinato da súa nai a mans de Cristiano Ronaldo co argumento de que algo lle faría a vella). Que alguén que ganou o paso á final da Champions como a que lle ganou o Porto de Mouriño ao Depor atribúa unha vitoria ao arbitraxe contrario é como se Botín se queixase de que a normativa económica está pensada para amolar ao seu banco.

O malo é que noutros países, comentarios como os de Mouriño forman parte do circo. Pero aquí ultimamente hai cola para arrimar palla aos lumes de os de aquí contra os de alí, como lle lin a un pai que veu o partido nun bar de Estremadura e decidiu non arriscar máis a vida do seu fillo levándoo a concentracións de energúmenos. Pero ti, tranquilo, Mou. Palla que non falte.

(La Opinión de A Coruña, 30/04/2011- Faro de Vigo, 3/05/2011)

Advertisements