O venres 20 escribín isto, que pubricou puntualmente La Opinión de A Coruña ao día seguinte:
Se tiña algunha dúbida sobre as acampadas dos indignados, o contraste entre o que vin a noite do pasado xoves na Puerta del Sol de Madrid e o que lle escoitaba á grea de executivos que me tocaron no almorzo do hotel á maña seguinte fixo que se volatilizaran. En Sol vin xente ilusionada porque pensa que se pode cambiar o mundo, ou polo menos melloralo, ou polo menos endereitar a deriva ao circo que ten o actual sistema democrático español. Certo é que observei un grupiño duns berrazoullas estimulados polo alcohol, e moito turista de acontecementos (entre eles eu), pero tamén a imaxe dunhas rapazas (por que rapazas?) recollendo pacientemente todo o lixo que había no chan, fose de indignados, turistas ou parroquianos.
E o que piden (ou o que se supón que piden, porque como recolle a web de RTVE a opinión dun galego chamado Miguel Ángel, “os medios pedídesnos reivindicacións, pero nós non temos presa”) é no fondo simplemente que se cumpran as regras que teoricamente xa figuran na norma constitucional: que haxa unha democracia real na que manden os cidadáns e non alguén por aí, chámeselle mercado ou outra cousa, dereito a un traballo e a unha vivenda digna. En comparación co mítico maio do 68, agora hai moito menos sectarismo e moito máis pragmatismo. A min parécenme que a maioría da xente debería estar de acordo con iso, e aínda que non o estivera, todo o mundo ten dereito a protestar. Por iso me estraña a reacción dos dous grandes partidos. A histeria dos medios de extremo centro -non me estraña tanto a histeria senón que a saquen por iso-, que denuncian unha manobra socialista para cambiar a tendencia de voto ou cousas peores, instigada por Rubalcaba (acusación que non deixa de ser un desmedido recoñecemento das capacidades do vicepresidente). E a falta de cintura do partido do Goberno, que atribúo a que no fondo saben que non controlan nada.
E non sei de que se estrañan. A política en España xa consiste unicamente en ganar ou perder, e todo o demais tanto ten, incluso tratar á xente como se fose imbécil, especialmente nas campañas. E aínda que imbéciles hai (como ben di Baltar: “xa se sabe que son un cacique, pero vótanme igual”), non son todos, e mesmo hainos que, séndoo, non lles gusta que os traten como tais. Isto inclúe (o de pensar que a xente non se entera) a quen fai ou aplica as normas electorais. Pretender suspender o dereito de reunión invocando a neutralidade, cando as eternas precampañas son unha burla ao estrito período electoral polo fácil método de non pedir o voto, como se ver a un tipo nun poleiro, coas siglas do seu partido e un eslogan detrás, falando mal dos seus rivais inducira ambigüidade sobre as súas intencións. Ou que se considera neutral que as televisións, antes as públicas e agora tamén as privadas, teñan que emitir a propaganda electoral dos partidos segundo a súa representación (o que quere dicir pouco máis que do PSOE e PP) disfrazada de información, haxa ou non haxa noticia, e permite que sexa con material que proporciona o propio partido. Ou, xa metidos na nosa fariña, que non pase nada por censar a quen lle pete ao alcalde e onde lle pete, ou carrexar votantes.
Teño bastante claro que os indignados non conseguirán os seus obxectivos, polo menos no que se refire a mercados, traballo e vivenda, pero tamén que, a partir de agora, hai quen se vai ter que poñer as pilas. Desde os mercados á clase política, pasando polos xuíces. Logo supoño que lle tocará aos medios.
Manteño o que dixen, na medida en que coincido ou non comigo mesmo. Pero días despois, podo engadir algunhas conclusións, que debullarei en parte na columna de pasado mañá xoves en EL PAIS (se non me paso de extensión, coma sempre), ou na do sábado en LA OPINIÓN:
- Os seus efectos no 22M foron máis ben escasos (como por outra parte pretendían, penso).
- Para converterse no revulsivo que pode chegar a ser, o #15M ou como se lle chame, deberá zafar de:
- A falsa ilusión de que as asembleas son asembleas constituíntes que poden elaborar unha nova constitución/lei electoral. Empezando porque o asunto é máis delicado do que que parece, pasando porque precisamente as municipais son as eleccións máis proporcionais, e rematando porque por moito que os seus integrantes consideren que os partidos non os representan, a dura realidade é que si, outra cousa é que non se sintan representados por eles.
- A desaparición do foco mediático que estaba centrado neles. Ou á súa transformación: Do ataque frontal dos medios de extremo centro pasará á mirada vingativa dos de centro esquerda (que os consideran en boa parte culpables do que pasou) baseada nos seus aspectos máis paveros e anecdóticos (modo Stonehenge ou Ortigueira).
- Definir as propostas e os modelos organizativos, sen que iso segmente aos seguidores.
Concordo totalmente, pero son máis pesimista. Aparte de estar aínda no principio do ¿movemento?, creo que as estructuras dos partidos son ríxidas e moi refractarias a outras opinións, e co PP na cresta da ola máis todavía.
Este artigo do sábado pasado en Babelia, “la indignación no es suficiente” tamén e moi acertado.
http://www.elpais.com/articulo/portada/indignacion/suficiente/elpepuculbab/20110521elpbabpor_1/Tes
Nunca choveu tanto quen non escampara.E sempre chove para baixo!Non por chover saen as flores.Sen chuvia non pode haber novos brotes…
Aínda está nacendo unha nova promoción de indignados e xa lle queren poñer nota…
Hai xente que leva indignada desde a chamada transición política española (a galega dubido que houbera)…
E xa se poderá decir, en alto, sen ser tachado de antidemócrata, que a xente (cidadáns) que gusta de “sálvamesdeluxe” e “votar a camps”, non gozan de boa saúde estético-democrática por moito dereito que teñan a elexir canle e voto?
Ou é que, ao mellor, tempo é chegado de desenferruxar vellos coñecementos de hai máis de trinta anos dos que vostede, eu, e algún outro que anda por aí en plan exquisito (ou non) mamamos e que ficaron convintemente agachados, mesmo para historiadores. A min non é que me pareza mal que se desenterre loia, pero francamente non estaría mal desenterrar o manifesto. Si, xa sei que ten máis de nonseicantos caracteres e non colle no tuister, pero que quere: éche o que hai.
Eu non andiven a turistear entre os acampados, máis que nada porque sentiría vergoña do non feito.
Quedo com esta frase: “por moito que os seus integrantes consideren que os partidos non os representan, a dura realidade é que si, outra cousa é que non se sintan representados por eles”. Nauseabundo, non si? (J.P.Sartre, A Náusea). Alá no sur o descontento podíase dirixir contra dos gobernantes que levavan a ostia de anos no poder; aquí acho que nom atopan gato ao que cascarlhe o cascabel.
E entrementres, a consolarse co refraneiro: Se Deus é bo o demo nom é malo – Na terra dos lobos, ouvear como todos – Éche o que hai.
Saudaçoes.
…..Xosé Ramón
Observo unha coincidencia curiosa en botarlle man ao abondoso refraneiro do escepticismo, resumido en que dous de vostedes resumen a cousa co “éche o que hai”. Como dicía Ian Fleming, unha vez é casualidade; dúas, coincidencia; tres, acción do inimigo.
No meu caso era propaganda subliminal