Etiquetas

, ,

As acampadas 15M, con todos os seus defectos, están a cumprir o mesmo papel que aquela troita do conto de Ánxel Fole que vivía nunha fonte do Incio: o sinal que indicaba se as súas augas estaban limpas. O que os “indignados” están facendo, pese aos seus erros, é servir de contraste co peor dos usos políticos en España. Coa tendencia da clase política a crear un problema grande onde había un pequeno e ser forte cos pequenos e débil cos grandes.

De entrada, porque o fenómeno das acampadas foi estimulado pola torpeza das institucións. Non soamente polo comportamento nos últimos tempos, que é a súa orixe, senón polas decisións tomadas nos últimos días sen pensar demasiado. A acampada de Sol recibiu o impulso definitivo cando se lle atribuíu o permitila ou non á Junta Electoral Central, un órgano constituído ás presas por xente que xa ten outras cousas que facer, e que neste caso pouco pito tiña que tocar, porque non era materia electoral. Agora, cando o fenómeno tiña toda a pinta de esgotarse, véñenlle de dar outro impulso cunha acción policial desmedida e torpe para deixar libre a barcelonesa Praza de Catalunya… para o fútbol. 60 e pico persoas feridas para facerlle sitio a unha presunta celebración que ocasiona máis desfeitas que quince días de acampada. E todo para que se triplique no mesmo día o número de concentrados.

A maiores de desvelar a torpeza das institucións, o 15M ten a capacidade, penso que involuntaria, de servir de pedra de toque. Por exemplo, distinguir entre o que nos parecía indistinguible, como as diferenzas de talante entre CN11 e CR11. O alcalde coruñés electo Carlos Negreira comprende, ou di comprender as motivacións dos acampados e o alcalde electo compostelán Conde Roa esixe que fumiguen aos seus, en aras do turismo e o comercio, os becerros de ouro de hoxe en día. Falando de becerros, a acampada madrileña espertou a ansia reivindicativa do colectivo de comerciantes, empresarios e autónomos da Puerta del Sol, que redactaron un manifesto no que mostran a súa “indignación” (sic) pola “desastrosa imagen que se está dando de la ciudad de Madrid y de España a toda Europa y el mundo por la ‘insalubridad’ de la acampada que ya se ha convertido en un ‘poblado chabolista’”. Como se calquera actividade con cobertura mediática non fose unha atracción turística en si, como se non houbera outros fenómenos que escangallan máis a imaxe dunha cidade ou dun país como a corrupción, e sobre todo, como se o chabolismo fose un problema alleo a Madrid ata que fixo a acampada. Ou as declaracións do arcebispo de Madrid, Rouco Varela, facendo a reflexión sobre o asunto: “Los problemas más serios de los jóvenes están en su alma”. Monseñor sabe máis ca min de almas, pero eu pensaba que iso da irmandade, a axuda aos débiles, o ir contra os mercaderes do templo e contra a usura eran principios do máis cristián. Debinme perder algún concilio ultimamente. En resumo, todos ofrecen unhas labazadas, e a ninguén se lle ocorreu, aínda como medida de imaxe, facer que negocia con parte dos cidadáns aos que representa.

Claro que os indignados cometen os seus erros. Desde o habitual da actitude de amor-odio cos medios de comunicación (necesitámolos para seguir tendo da nosa parte a boa parte da poboación e contrarrestar o ataque mediático das institucións, pero desprezámolos) ata non dotarse dunha mínima infraestrutura representativa, que evite que pasen cousas como a da iniciativa de sacar 155 euros dos bancos o 30 de maio, convocada sen pais coñecidos en mails con esta farragosa redacción: “el primer ataque no violento que mostrará al mundo nuestra imaginación, determinación y compromiso para alcanzar el objetivo de ver cumplida nuestra reivindicación final: instaurar una democracia real”. Ademais de parecer directamente extraída dun congreso do Partido Comunista de Albania ou da xunta de accionistas dunha multinacional, agora parece que non deixa de ser unha desas cadeas pensadas para obter enderezos de correo da xente incauta.

(La Opinión de A Coruña, 28 de maio de 2011)

Advertisements