Etiquetas

, ,

Hai por aí uns libros con 40.000 biografías de xente relevante na historia de España, editados pola Real Academia de Historia (RAH), e subvencionados polo Ministerio de Educación con 6 millóns de euros. De seguro que van ser un éxito editorial: teñen o mellor apoio publicitario posible, que é a polémica sobre o seu contido, e porque como pasa na filatelia, o máis apreciado son os exemplares defectuosos. A polémica vén porque as biografías dalgúns personaxes históricos conservadores experimentaron un lavado de cara. Os casos máis relevantes, ou os que coñezo pola prensa, son o de Franco e o do fundador do Opus Dei, monseñor Escrivá.

A biografía de Franco, realizada por un historiador que é presidente da Hermandad del Valle de los Caídos, asegura que o militar de Ferrol “montó un régimen autoritario, pero no totalitario […] para las reformas por él emprendidas desembocasen en la Monarquía, pero sin partidos políticos ni sistema liberal, declarándola, sin embargo, confesionalmente católica”. “Franco no fue un dictador porque nunca dictó nada” (isto díxoo en TVE). Home, a distinción entre totalitario e autoritario non me parece importante, por moito que o réxime de Franco tivera en orixe todas as características dos de Hitler e Mussolini (aínda que os uniformes do Movimiento aquí eran ridículos, como se pode ver nas fotos vellas de Fraga), pero o de ter un réxime sen partidos e sen sistema liberal é o propio das ditaduras, por moito que o autor considere atenuantes a confesionalidade católica ou que desembocase nunha monarquía. Na biografía de Escrivá de Balaguer, o mesmo historiador, posiblemente pola súa especialidade en medievalismo, conta que “Dios le hizo entender que el Opus Dei estaba dirigido también a las mujeres”. “El 14 de febrero de 1943, mientras celebraba la santa misa, el Señor le hizo ver al padre Escrivá la solución jurídica que iba a permitir la ordenación de sacerdotes a título del Opus Dei: la Sociedad Estatal de la Santa Cruz”. Eu non son historiador, pero seguro que se escribo iso nunha noticia, entendería que o redactor xefe me dixera que había que confirmar a orixe divina desas instrucións que rozan a asesoría empresarial.

Nos 25 tomos editados, hai cousas como, na biografía dun xeneral franquista: “Continuó la marcha hacia Mérida ocupando Almendralejo, donde permaneció normalizando la vida ciudadana” (a normalización, segundo historiadores que non son da RAH, consistiu en fusilar un milleiro de persoas, entre elas cen mulleres, logo de torturas e violacións). Tamén hai análises da perda das eleccións polo PP en 2004: “el aprovechamiento, desde la oposición socialista, del hundimiento del petrolero Prestige”. Volvendo o meu campo: podería escribir “en la derrota del PP influyó el hundimiento…” ou “el aprovechamiento, desde la oposición, de la gestión del hundimiento…”. Todas esas cousas son pecatta minuta, segundo o bispo Cañizares, que pese a ser teólogo, e non historiador (como tampouco son outros membros da Real Academia de Historia) asegura que é un texto “muy objetivo” e que “los datos son los que son”, sen precisar cales. Rajoy, en postura xa presidencial, e respondendo o que lle petou e non o que lle preguntaban, declarou que “No voy a entrar en disputas con la academia. Franco está en la historia de España, yo soy demócrata de convicción”.

Hai quen di que a RAH fixo un dicionario como un pandeiro porque llo encargou Aznar en 1999. A min paréceme que non, que simplemente é o produto lóxico dunha institución arcaica que ten tantos curas e militares como historiadores profesionais. É mais, as grazas pola encarga xa llas deron ao ano seguinte: a RAH denunciou que había libros de historia escolares, fundamentalmente no País Vasco, Cataluña e Galicia, que terxiversaban o pasado. Profesores e historiadores galegos desmentiron a acusación, desde os que o vían difícil porque a maioría dos textos eran traducións de libros en castelán, ata quen –o director de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago- lle recomendou á RAH que “se quere atopar nacionalismo exacerbado, que busque dentro dela mesma. Hoxe, esta institución é só un nicho de historiadores franquistas”. Un informe de historiadores independentes comprobou posteriormente que a acusación non tiña fundamento. O Diccionario Biográfico Español acaba de corroborar o do nicho.

(La Opinión de A Coruña, 4/6/2011. Versión enviada a Faro de Vigo)

Advertisements