Etiquetas
Sendo un chisco máis paranoico do normal, a veces parece que as cousas serias neste país acontecen para que se convirtan en espectáculos. Sendo simplemente normal, o que parece é que as cousas serias neste país acaban convertíndose en espectáculo porque aos que deciden qué menú se lle dá a xente lles interesa, ou porque non teñen máis cabeza. Pasa co do 15M. O dos indignados é un fenómeno inédito e inaudito que, con acertos e erros, pretende situar o debate social no que realmente importa: o sistema de representación política, as leis que regulan a economía, o traballo, a vivenda. A vida de todos e cada un, en resumo, e non as expectativas laborais de Zapatero e Rajoy e os seus respectivos e numerosos equipos. Pero a maioría dos que confeccionan o menú mediático, igual que os idiotas aos que lle sinalan a lúa e miran para o dedo, do que se ocupan é de se acampan ou circulan, de se son violentos ou airados.
Entre os erros do 15M está o de considerar que os políticos que ocupan as institucións democráticas non representan á xente, e que todos son iguais. Desgraciadamente si nos representan a todos os cidadáns, a quen os votaron e aos que non, aos que se consideran representados e aos que non, e supoño que por iso piden unha reforma da lei electoral e do sistema de representación en xeral. E tamén supoño que por iso se opoñían a que un partido que chegou ao goberno en Cataluña afirmando que non faría recortes sociais, promova no Parlamento eses recortes ao pouco de tomar posesión. E non todos os partidos son iguais, ou uns son máis iguais que outros, porque uns opúñanse a eses recortes e outros non, e o que os igualou efectivamente foi que uns energúmenos os zarandearon a todos. Os acertos son que denunciaban en Cataluña que é un descaro facer o que dixeches que non ías facer, e contra os de sempre, ou en Madrid opoñerse á aplicación dunha lei, a hipotecaria, para poñer na rúa a un vello enfermo de 70 anos, cando a familia Botín incumpriu as norma fiscais cunha conta en Suíza durante 17 anos.
O normal, porque lle afecta á maioría, sería debater se eses recortes son necesarios ou se son outra volta máis da roda de espremer aos que non poden ou non saben defenderse. Ou a xustiza ou inxustiza dunha lei que permite que, se un banco che deu para pagar un piso os cartos que consideraba que valía, en canto deixas de devolverlle o diñeiro máis os intereses, quítacho, véndeo polo que lle dan –non polo que antes dicía que valía- e obrígache a seguir pagando por algo que xa non tes. En lugar diso, xente que cobra máis por esa hora de traballo que o gana ao mes o botado da casa, pontifica sobre violencia e democracia. Non penso que ninguén, salvo situacións extremas e determinadas, xustifique que se exerza a violencia física en caso ningún, sexa a deputados ou a dependentes de comercio. Aínda que agora que o penso, arrearlle cunha pancarta na cabeza a Bono (o daquela ministro, non o cantante) nunha manifestación lle pareceu a algúns unha expresión de discrepancia, como lles pareceu unha protesta lexítima o bloquear o funcionamento do Parlamento galego por parte de centos de alcaldes do PP ao comezo da pasada lexislatura.
E aínda que o sistema de representación política establecido determina que deas a túa opinión cun papel un día cada catro anos, a democracia non impide que os 1.460 días restantes a expreses como queiras: concentrándote ou mandando cartas aos xornais. É ilegal requisar os móbiles a cidadáns que protestan, e posiblemente outras actuacións policiais baixo sospeita. Non é ilegal berrar, ou de selo, a práctica totalidade dos comentaristas deportivos estarían presos.
(La Opinión de A Coruña, 18 de xuño de 2011)
Saíron á rúa, fixérono como se lles ocurriu, déronlles onde lles doe. Por iso puxeron a máquina mediática a funcionar para tratar de aburrilos. Espero que non decaian, cheguen ata onde cheguen, que esa é outra cuestión que xa se verá.
Hoxe domingo, que si podo, irei para darlles máis alento.
vídeo da Eurocámara, o Daniel Cohn-Bendit falando algunhas cousas sobre a axuda económica a Grecia.
Bravo!. (Vése que está picado). 🙂
Agora brincadeiras aparte, detecto xa máis chicha nesta súa outra opinión. E virán uns senhores (e senhoras) que cobran a ostia de cartos a fim de mes, que din que imparten xustiza, a igualar na báscula o lançamento do vello de 70 e os estranxeiros aforrinhos dos Botin.
Saúde.
Boas.
Sihomesi, esta frase do artigo, “Non penso que ninguén, salvo situacións extremas e determinadas, xustifique que se exerza a violencia física en caso ningún, sexa a deputados ou a dependentes de comercio.”, faime evocar antigos dilemas, desacougos e intensas afliccións na miña mocedade.
A violencia e a base do poder. A violencia pode tomar formas diferentes pero está sempre presente en toda relación humana; sexa entre individuos ou grupos. Dende as relacións interpersoais e familiares ata as relacións internacionais pasando polas relacións laborais ou calquera outra.
Nas sociedades capitalistas avanzadas como a nosa (disque), o poder outorga o monopolio da violencia ao Estado (de dereito disque tamén). Pero ¿quén ostenta o poder nestas sociedades? O pobo soberano, democráticamente, é a resposta automática. Sin embargo, si un marciano ou un comunista ouvira tal cousa, ollando o panorama, preguntaría de seguido, xa, pero ¿quen ten o capital? A resposta sería: en España, un país de clases medias disque, o 3% da poboación posúe perto do 60% do capital. Menos do 15% atesouran o 90% do capital.
Eu pregunto si non é violencia física, agresión, poñer na rúa a un vello enfermo de 70 anos(se non poden executar o desahucio á luz do día pola mala imaxe, sacarán ao vello a rastro polo chan con nocturnidade e alevosía, como ocorre milleiros de veces).
Pregunto si esto é unha situación extrema e si o xustificamos ou non. ¿É máis agresión pintarlle o vestido a unha deputada que o do vello? E indo máis alá ¿está lexitimado o vello para defenderse violentamente?
Moitas preguntas, quizáis, para moitos, fáciles respostas.
En fin, coido que, como o mono, subinme algo polas ramas.
En realidade eu quería comentar isto que vin no el País. Ao mellor estes movementos do cabreo son quen de forzar aos gobernos a facer algo máis que apretarlle o cinturón á xente.
“…Pero el jefe del Ejecutivo no se limitó a arengar patrióticamente a los parlamentarios; en un movimiento que parece destinado a ganar tiempo -pero que también puede volverse contra él-, Papandreu anunció asimismo la celebración en otoño de un referéndum “sobre la marcha de los grandes cambios que precisa el país”, es decir, la reforma del sistema político y administrativo, el funcionamiento del Parlamento y la cifra de diputados, la financiación de los partidos, el sistema electoral y la inmunidad de los parlamentarios. Tras criticar la ineficacia del sector público, el líder socialista aseguró que promoverá enmiendas constitucionales que faciliten la persecución de los delitos fiscales y de corrupción, informa Efe.”
perdón por abusar do seu blog para sacar apuntes destes temas, pero e que este artigo sobre a crise de marras dun economista español produce arrepios. O texto parece escrito onte mesmo pero e de 1998 !
Está visto que ninguén lle pon o cascabel o gato cando todo vai de cor rosa ou e que nos gobernan uns incompetentes (políticos, sr. MAFO e antecesores).
http://www.fedeablogs.net/economia/?p=11141