Se algo me amola son as actuais tendencias, complementarias aínda que parezan opostas, da xente que lle bota a culpa ás autoridades de todo o que pasa, e das autoridades que consideran que todo é regulable. Hai cousas que hai que regular, e as autoridades teñen bastante culpa do que pasa, pero non de todo. Teño claro que as dúas mortes no San Xoán na Coruña foron por imprudencia das vítimas, pero tamén que, con tanto descontrol da xente e tanta inconsciencia das autoridades, o raro é que ata agora non pasara nada a maiores da cifra habitual de 20 ou 30 queimados de maior ou menor gravidade.

“As lumeiradas de barrio ou semidomésticas servían, nos últimos tempos, para desfacerse do butacón desfondado ou da mesa á que lle entrou a couza. Danse así unhas fogueiras á escala do home (home e medio ou dous, para ser exactos). Préndense cando se comeza a beber, e así dáse un proceso paralelo entre a combustión externa e interna. Cando o lume está á altura dun home pequeno, comeza un rondó de piques e miradas a ver quen vai ou non vai (saltar). Cando a cousa vai polo peito, os adolescentes do grupo fan carreiras de demostración e de aí vou que quedan en nada, mentres os nenos empezan a tirar das mangas paternas para animalos. Como cando un se mete en augas frías, cando o nivel pega nas partes nobres xa non queda outra que asumir que ou vai ou racha. Vai se a combustión interna ou a condición atlética é a axeitada, e se non, racha. Neste último caso o procedente é retirarse con calquera escusa ou disimulando a un segundo plano, aproveitando que está cheo de sombras, e logo regresar asegurando vehementemente que claro que temos saltado, e se non o crees alá vou outra vez. Quizais non sexa un sistema tan lucido como a macrolumeirada, pero falo xunto a casa, non hai que marearse procurando aparcar e mesmo as borracheiras están controladas polo tamaño e cohesión do grupo social no que se producen”. Todo isto rosmeino nestas páxinas en data tan remota como o 26 de xuño de 2001, cando se estaba a consolidar o actual fenómeno do lume grande, ande ou non ande. “Os concellos levan anos matándose porque os vexan como el gran enrollao. O da Coruña tentou esmagar as fogueiras de San Xoán feitas polas peñas nos barrios promovendo a lumeirada oficial de Riazor, coa súa falla hortera e o descontrol etílico correspondente”, poñía aquí o 7 de outubro de 2007 como argumento da contradición que supuña que os concellos se laiasen do botellón cando foron pioneiros en promovelos.

Non vexan nada nostálxico sobre tradicións populares traizoadas. Tradicional tamén era antes que a xente se matara nas festas e romerías (“Festas aquelas nas que mataron a meu pai!” é un dito que sempre conta Xurxo Souto) ou que, xa no franquismo, as disolvera a garda civil a culatazos. E repito que non hai normas de seguridade que dean evitado que alguén se bote a unha fogueira de dous metros de alto, ou se meta na auga presumiblemente mamado. Pero é moita inconsciencia promover ou consentir que se xunten ducias de milleiros de persoas (todos os concellos se gaban de calquera abarrote popular), moitos coa nada disimulada intención de quentarse por fóra e por dentro, sen moitas máis medidas que cruzar os dedos para que non pase nada e facerlle a cura aos que lles pasa algo. Por algo nos estadios de fútbol se prohibiu meter alcohol ou paus. “Mantivemos o dispositivo de seguridade tradicional nos últimos dez anos”, aseguraba a pé de praia un apesarado Carlos Negreira. Iso é o malo.

(La Opinión de A Coruña, 25 de xuño de 2011)

Advertisements