Etiquetas
Non deberon tocar o tema no debate do estado da nación, ou polo menos eu non o vin entre os ríos de tinta e nos mares de ondas –ou como se transmitan agora as emisións radiofónicas e televisivas- que houbo sobre tan decisivo acontecemento. E miren que ademais do quítate-tu-pa-ponerme-yo se falou da crise. Pero non de cómo afecta a cada un segundo quen veña sendo. Por exemplo, segundo o Instituto Nacional de Estadística, en 2009, o ano da recesión, o salario medio (medio estatísticamente, porque en realidade de medio non ten nada, é de 63.150 euros) subiu un 4,5% en 2009 mentres o do traballador medio (este si é medio: 22.511 euros) incrementouse nun 2,9% . E o dos peóns (15.343 euros, o salario más habitual nos empregos en España, sexan cualificados ou non) non subiu.
Claro que isto, o de que sempre-haberá-pobres-e-ricos non é novidade ningunha, pero que a diferenza se agrande cando hai crise é, cando menos, pouco estético (de ético xa nin falamos). Sobre todo porque, a maiores, a política fiscal non o remedia, senón que o empeora. Un traballador medio paga en España o 78% dos impostos que un sueco cun emprego similar. Pero un español rico paga o 20% do que pagan en Suecia os do seu nivel. En Estados Unidos, as rendas máis altas pasaron de pagar un 70% dos ingresos nos anos 50 ao un 36%. O ano pasado, 18.000 familias ricas non pagaron ningún imposto. Aquí estímase que os impostos das rendas considerablemente máis altas baixaron nos últimos 15 anos, co que se chega á mesma conclusión ca nos Estados Unidos: gobernen demócratas ou republicanos, populares ou socialistas, o mango da situación fiscal non muda de mans.
De feito, hai dous casos que lle chocarán a calquera, e máis aos que estes días Facenda temos que ingresar máis cartos ao Estado, porque o que lle fomos dando ao longo do pasado exercicio non cobre a nosa cota fiscal. O popular, en todos os aspectos, presidente valenciano Francisco Camps ten, segundo a declaración que fixo no parlamento rexional, 13.551 euros de patrimonio e a metade dunha vivenda valorada en 111.000. Nin gastando pouco en traxes se dá feito un peto en condicións. Jaime Botín, irmán do propietario do meirande banco español e un dos máis grande do mundo, non tivo que presentar unha declaración complementaria cando a familia descubriu, ao tempo que a Axencia Tributaria, que tiñan unha conta multimillonaria en Suíza da que xa non se acordaban. Non tivo que facela porque a declaración saíalle a devolver.
É que os ricos crean riqueza, dirán algúns. Ben, pero pagar soldos a quen fai un traballo non é repartila, como eu non reparto cartos cando merco unha lavadora: dou por ela o que considera que vale o fabricante. É máis, como asegura Vicenç Navarro, catedrático da Universidade Pompeu Fabra a quen lle estou fusilando datos e argumentos, os ricos invisten os cartos que aforran en impostos non tanto en actividades produtivas, senón nas máis rendibles, as especulativas, que foron as causantes de que esteamos como estamos. Agora, os bancos toman préstamos do Banco Central Europeo ao 1% de interese, e mercan débeda pública ao Estado cunha rendibilidade do 6%. A maiores, con esas oficinas avaliadores con nome de grupo pop (Moody´s e outras) que ninguén sabe de onde saíron nin quen as elixiu, deciden cales son os riscos financeiros desa débeda pública, e polo tanto, canto hai que pagar por ela, e tamén deciden cantos sacrificios hai que facer para saír da crise.
En resumo o negocio é tan redondo como obrigar á xente a fabricar unha pistola e logo a entregala para podernos atracar con ela.
(La Opinión 2 de xullo de 2011/Faro de Vigo 7 de xullo de 2011)
Sobra calquera palabra ou comentario no teu artigo. Completamente redondo. Maxistral.
Onte lin este artigo no Faro. Puxeron “VEntaxes”… ¬¬
Alén diso, a estrutura fiscal en España é de vergoña, e xa era algo que ven de antigo, antes da crise.
Nos EEUU, ainda fai por volta dun mes, por ILP votaron en referendo nalgúns estados se subirlle os impostos aos ricos. Gañou máis ben o NON, pero o caso é: quen nolos dera a nós, eses referendos!
http://www.rebelion.org/noticia.php?id=129416
Home, por fin coincidimos en algo! (aínda que non é obrigatorio)
O problema de Vicenç Navarro e que leva xa demasiado tempo escribindo o mesmo artigo… Se tivesemos o mesmo gasto público que Suecia, poderíamos contratar máis funcionarios e así reduciríamos o paro para poder comermos carne de reno e salmón a esgalla.
Certo que Suecia ten máis presión fiscal, pero o que non di é que o IVE e do 25%, que a recadación de IRPF é moito máis alta porque ten un desemprego do 8% e que, miña madriña, ¡¡os impostos sobre o capital son máis baixos que en España!!.
Unha presión fiscal alta en Suecia pode ser moi bo para os holmienses, pero medo me da o que podería suceder por estos lares. Non sei se caberían máis conserxes en Baltaristán, se habería sitio para un novo auditorio na Cidade da Cultura ou se o tren chuchu do Cabaleiro Inglés chegaría ao Portiño.
Por agora que demostren que saben xestionar os impostos que teñen, e logo xa veremos se cómpre darlles máis.
Delafe,ben esta que sexa vostede critico co xeito de gastar cartos dos politicos do seu pobo,pero sexa un chisco critico co xeito de gastar cartos dos ricachos do seu pobo.
E por certo,hai ricachos bos e politicos bos,non pense que eu son un anarcosindicalista.O que pasa e que os bens publicos privanme bastante,se me permeten o xogo de palabras.