Etiquetas

, , ,

Na casa téñenme prohibido dicir “xa cho dixen”, pero de momento, as normas non inclúen o impersoal, así que, amigos e amigas, era visto. Era visto o de Oslo, e era visto o de Valencia. E o que me chama a atención era que, véndose, soamente se diga agora, cando non queda outra que laiarse.
Non digo que se soubera a traxedia de Oslo, pero da impunidade con que se difunden teorías como as que defendía o terrorista noruegués xa o avisaban desde Stieg Larsson (o da triloxía que elevou considerablemente o peso das nosas bolsas da praia o verán pasado) ata análises menos difundidos. E aquí mesmo hai unha chea de difusores de opinións cuspidas á do asasino de Oslo. Naturalmente, as opinións son libres, mesmo as opinións repugnantes, pero unha cousa é dicilas nas redes sociais e outra en xornais supostamente serios e mesmo en televisións públicas. Son os que agora chaman desequilibrado a un tipo con formación que se tomou a molestia de escribir 1.500 folios co seu pensamento, e terroristas fanáticos a uns esfarrapados semianalfabetos sen máis pasado, presente ou futuro que executar unha vinganza. Xa sei que a maioría dos que as defenden son uns ganapáns que tanto lles ten dicir unha cousa como a contraria, pero logo hai unha chea de almas simples que consumen ese veleno como alimento espiritual ou intelectual. E en Noruega e aquí, as forzas de seguridade parecen máis interesadas nos que rompen mobiliario urbano para protestar contra as inxustizas do mundo, ou soltan animais presos, que nas organizacións que difunden u odio contra xente que tivo a mala idea de nacer noutro sitio.

E era visto o de Valencia. A comunidade autónoma máis endebedade de España, e non precisamente pola cantidade e calidade dos servizos que dá aos seus cidadáns, senón polos proxectos faraónicos que montaban cunha dobre finalidade: sacar votos do agradecido público e sacar cartos para os amigos. Tanto valía como que viñera o Papa ou a Fórmula 1, facer un parque temático (Terra Mítica, que resultou ser ruinoso) ou alicatar a costa. Boa parte deses circos fixéronse coa inestimable axuda da Caja de Ahorros del Mediterráneo (CAM), que tiña como máximo dirixente a un concesionario de coches. O concesionario, como outros membros do consello da entidade, foi un dos agraciados cos 161 millóns de euros en créditos ao 0% de interese (ata eu, que son bastante negado para a economía, aproveitaría para meter os cartos noutra entidade, na que me darían polo menos o 4%). A última decisión da CAM, horas antes de que fose intervida, foi concederlle un crédito de 200 millóns á Generalitat valenciana. Paolo Vasile, o capo de Tele5, dixo unha vez que cando non se sabe quen paga a festa, o máis probable é que sexas ti. En efecto, pagábana os valencianos (en todo caso, alá eles se lles pagaba a pena o espectáculo) e o que é peor, pagámola os contribuíntes todos, que teremos que desembolsar uns 4.000 millóns de euros para encher o burato. Os do PP de Valencia din agora que a culpa é do Goberno e do Banco de España. Non lles falta razón, igual que non lle faltaba a Erik el Belga, o espoliador do patrimonio artístico español, que xustificaba os seus roubos porque as igrexas non tiñan seguridade ningunha e había curas cómplices, coa diferenza que el admitía que roubaba.

O certo é que todo ese inmenso disparate estaba á vista e ninguén, nin as autoridades económicas, nin as políticas, nin os medios de comunicación, nin o electorado, fixo nada para evitalo. Imaxino porque todos sacaban ou agardaban sacar algún beneficio. O de Oslo sucedeu por neglixencia, o de Valencia por cobiza, pero en ningún dos casos por sorpresa.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, 30 de xullo de 2011)

Advertisements