Etiquetas

, ,

Non sei como recibirían en Santiago o chasco de quedar sen a semifinal da Copa Davis cando a designación da cidade galega xa estaba cantada mesmo nalgúns titulares de prensa. A min tanto me ten, pero penso que os composteláns deberíanse de alegrar. Fóra da mellora nas formas, a única diferencia no fondo que hai entre a política romana e a actual era que daquela os gobernantes entretiñan á xente con panem et circenses, e agora soamente proporcionan circo.
Facer unha proposta en firme de organizar un evento multitudinario sen aclarar canto vai costar, quen o vai pagar e canto se prevé perder, ganar ou empatar é algo que non pasa en ningunha sociedade civilizada cun réxime democrático. Esas cousas pasan soamente nos sitios onde os gobernantes non teñen que dar explicacións aos gobernados, ou aquí, que aínda estamos esperando o balance de resultados –materiais, refírome– da visita do papa. Xa sei que aquí é tradición depilfarrar nas festas, pero traer á París de Noia ou á Panorama ás patronais dunha aldea sábese en canto sae, e polo menos a contribución de cada veciño é voluntaria. Pero ese exercicio de transparencia que fai calquera comisión de festas de aldea debe ser un hábito ancestral propio de xente atrasada. O moderno é dicir que vai ser beneficioso para a cidade, así en xeral e en inconcreto, e quen o poña en dúbida é que está en contra da cidade.

O único cálculo que se coñece do que custaría organizar o circo da raqueta na Cidade da Cultura é o que fixeron en Xixón ou en Bilbao, esas poboacións tan pouco emprendedoras, que decidiron que non pagaba a pena gastar dous millóns de euros no asunto. Claro que aquí posiblemente sairía máis barato, porque as pistas que hai que facer son de terra batida (e aquí de traballar a terra sabemos algo) e para montar os estaribeles precisos, unha vez fóra do mercado aquela empresa especializada en eventos de Correa e o Bigotes, sempre está Toldos Gómez–Arzúa, que enche o país de palcos nun pis–pás. Os beneficios materiais que achegaría a operación de non terse frustrado son, a maiores de elevados, ignotos. Os que agora fan vencedores e vencidos, ben distintos. O responsable de UGT–Hostelería de Córdoba, que foi quen promoveu a candidatura ganadora, asegurou que, segundo datos do concello de Marbella, onde se celebrou a cousa en 2009, “cada euro invertido por el tejido económico se multiplicó por quince”. Sen poñer o cálculo en cuestión –aínda que polos precedentes, fíome máis das contas das comisións de festas que das contas do concello marbellí– a min paréceme que non están os fornos municipais ou autonómicos para poñer dous millóns para que logo haxa un par de sectores empresariais que supostamente gañen 30 millóns, habida conta que agora a tendencia xeral non é tentar recuperalos pola vía fiscal. Xa sei que as expectativas de negocio nalgúns casos eran considerables (tan considerables que lin nun xornal que a organización da Copa Davis expresou por escrito “a súa molestia porque ter percibido xa un incremento desorbitado dos precios dos hoteis de Santiago para mediados de septembro”. Tamén escoitei na radio que o concello compostelán tiña apuros ata para pagar o combustible dos vehículos municipais. A min paréceme que a cidadanía prefire que os coches dos bombeiros teñan o depósito cheo a que algunhas empresas da cidade melloren a súa facturación.

No que respecta aos beneficios intanxibles, a verdade é que Compostela non é precisamente das cidades galegas ou españolas que necesitan deses acontecementos “que as poñan no mapa”, como argumentan os políticos, nin máis reclamos turísticos. Tampouco se me alcanzan os beneficios de asociar un espectáculo deportivo á Cidade da Cultura. Non me imaxino a ninguén de prestixio no mundo cultural aclarándolle a outro: “Sí, hombre, ese sitio donde se celebraron unas semifinales de tenis”. Seamos sinceros: os beneficios reais de operacións coma esta son as fotos das autoridades con Rafa Nadal, como aquela que sacaron Paco Camps e Rita Barberá dacabalo dun Ferrari nun deses saraos que organizaban cos cartos que depositaban os incautos na Caja de Ahorros del Mediterráneo.

(by El Mundo)

Advertisements