Etiquetas

, ,

Non señor. Empezando porque antes non se lle chamaba “veranito” (por certo, por que non se fala de “otoñito” ou “inviernito”?). Antes a xente volvía do verao descansada, aínda que non tivera vacacións. Agora ata hai unha desas síndromes ás que botar a culpa de que ande un desganado de todo. Antes nos veraos non pasaba nada, e os xornalistas antigos (os que viviron antes, non os que escriben como antes) tiveron que inventar aquilo das “serpientes de verano”. Agora alguén que pasara as vacacións nalgún hipotético sitio sen conexión a internet é como aquel San Ero que se durmiu á sombra dun castiñeiro e cando acordou pasaran unha pila de anos. Vaste a calquera sitio do Caribe tan tranquilo, ou como moito, co vago temor de que se produza unha revolta, e cando regresas resulta que a revolta foi aquí, e cambiáronche a Constitución.

        Antes os veraos eran un océano de sol, foras onde foras (coa probable excepción de San Cosme de Barreiros, pero como din alí, o sol colle igual). Este que acabamos de liquidar oficialmente foi unha primavera (ou debería dicir “primaverita”?) algo húmida. Os tradicionais problemas do retorno eran as dúbidas metafísicas de se non pasarías frío ao chegar vestido de hawaiano. Ou se dar unha man de aguaplast aos furados que fixeron na parede do apartamento alugado os pequenos aquela tarde que choveu, ou deixalos así. Ou reflexionar sobre o misterioso fenómeno da reprodución desaforada, en cantidade e volume, da equipaxe veraneante, e os seus efectos na capacidade do maleteiro do coche. Agora, os problemas prácticos son os mesmos, pero sen ningún dos teóricos beneficios das vacacións.

Cando nos fomos de vacacións, aínda se dubidaba se o PSOE faría ben en presentar a Zapatero ou en cambiar de cartel. No que durou o verao xa se deron maña en decidir que non, facer una polémica sobre proceso e candidato, escoller a Rubalcaba e encargarse de dispararlle no pé ao elixido co do teito de gasto. Unha hemorraxia de eficacia. Tamén nos fomos de vacacións coa fundada sospeita de que no Goberno galego había moito pico e pouca pala (ou como se di ironicamente dos arxentinos: o negocio é compralos polo que realmente valen e vendelos polo que din que valen). Agora resulta que na propia Xunta, despois do descanso reparador, parece que chegaron á conclusión de que a xestión de goberno foi tan eficaz e certeira que ao que se teñen que dedicar é a preparar as vindeiras eleccións… autonómicas. Isto é correr e non o de Fernando Alonso.

E o mesmo na política internacional. Intuïamos que Frau Merkel era moi de mirar polo seu, pero agora comprobamos que a maiores mira polo teu para amarrar o seu. E cando metemos como puidemos a barbacoa no maleteiro, andabamos a bombardear a Gadafi para botarlle unha man a uns rebeldes cívicos e agora que fixemos o traballo resulta que os rebeldes teñen tan mala pinta –aínda que uns uniformes menos vistosos- como o que había, e semellantes modais de comportamento.

Se queren que lles diga a verdade, non é que estea tremendo co que poida pasar nas vacacións de Nadal, senón que non a teño todas comigo coa ponte da (re)Constitución.

 (La Opinión de A Coruña, 3 de setembro de 11)

Advertisements