Como era de prever, a declaración obrigatoria de declarar os bens por parte dos nosos representantes políticos non serviu para moito máis que para satisfacer a curiosidade dos que se molestan en consultar as farragosas webs das Cortes Generales, e para un pequeno rexoubeo mediático. Non digo que non haxa cousas interesantes, como que unha deputada escribe “compativilidad” (e non parece que por falta de educación, porque é desas con apelido composto) ou que Mariano Rajoy non ten coche. Mesmo hai misterios insondables, como o dunha dirixente do PP catalán que pese a ter a conta en números vermellos, conseguiu un préstamo de 766.000 euros (desde aquí rogaríalle que me presentara ao director da súa sucursal bancaria) para usos igual de misteriosos, porque non especifica ningún ben, moble ou inmoble, no que investira eses cartos. Pero, en xeral, nada que nos axude nese debate actual de quen é rico e quen non, e quen pode ser vítima do imposto de patrimonio e quen zafa.

         Porque xa sabiamos que na clase política hai xente rica. Ao ex ministro popular Arias Cañete, por exemplo, non lle chegan as catro casillas previstas para consignar vehículos, e necesitou a de “observacións” para detallar os outros catro (entre eles un Morgan, ese descapotable feito a man en Inglaterra do que soamente se fan 600 ao ano). Ou os ex ministros socialistas Cipriá Ciscar (unha ducia de propiedades inmobiliarias) e Carmen Alborch (catro vivendas en propiedade e unha parte en sete herdadas). A media do patrimonio líquido (cartos, vamos) que confesan por exemplo os senadores del PP é de 172.246 euros, que non está nada mal, e a dos senadores socialistas anda polos 46.000. Pero todo iso, como dicía, non vale de moito á hora de considerar se son ricos ou non. En primeiro e importante lugar, porque declaran o que queren, sen que pase nada se minten ou son económicos coa verdade, como dicía un amigo meu. En segundo, porque non sabemos se o que teñen xa o tiñan antes de tomar posesión do escano. En terceiro porque ignoramos se as propiedades están a nome da muller, ese clásico, e porque o único do que nos informa a maioría é dispoñer de tantas casas en tales provincias, sen detallar nin a superficie nin o valor catastral. E todos sabemos que ter tres casas en Irixoa ou en Mazaricos é ter tres dolores, e ter unha vivenda no Ensanche, xa é ir tendo algo.

Porque é importante saber a posición económica dos nosos representantes, pero sobre todo, é decisivo saber quen é rico. Por exemplo, para o imposto do patrimonio de marras. Ou por se lles dá, como nos Estados Unidos, por pedir que lle suban os impostos (o primeiro multimillonario que o fixo, Warren Buffett, dixo: “Os ricos sempre van dicir: dádenos máis diñeiro e gastaremos máis e repercutirá en ben de todos. Pero iso non funcionou nos últimos 10 anos”). O malo é que aquí non os hai. Na campaña do IRPF de 2009 soamente 6.829 contribuíntes declararon ganar máis de 601.000 euros. Raro é, porque, por exemplo, os altos directivos das empresas do IBEX son xa más de 500 e gañan unha media de 754.000 euros. Sen embargo, o Informe sobre a Riqueza no Mundo asegura que en 2009 había en España 143.000 persoas que tiñan un patrimonio líquido superior ao millón de dólares (700.000 euros) e era o duodécimo país no que chama “individuos de valor neto elevado”. En resumo, hai 136.000 compatriotas fiscalmente tímidos. E non están nos cargos públicos, segundo os datos que eles mesmos dan. Claro que ganando 700.000 euros ao ano, para que se vai meter ninguén en política.

 (La Opinión de A Coruña, 17 de setembro de 11)

 

 

Advertisements