iNews é o programa informático que se usa nas redaccións de TVE e RNE. O que motivou a última polémica, de momento, na política española, cando o Consello de Administración de RTVE decidiu que debía ter acceso a el. iNews é un sistema que na teoría é moi útil e áxil, e na práctica bastante farragoso, como todos os que están pensados para que os xornalistas fagan traballos a maiores dos que realmente teñen que facer. Dígollelo porque ter dereito a usalo non é un privilexio como ter acceso ás series ou películas todas que emitiu Televisión Española, ou dispoñer de todo o arquivo de música de Radio Nacional. O tal iNews o que permite é desde ver as escaletas dos programas (as noticias que se van dar, a orde, e quen as fai) ata modificalas, dependendo do escalafón, claro. Un redactor pelado soamente pode escribir na noticia que lle encargaron. Un xefe de área pode cambiar a parte que lle corresponde, o editor a escaleta do programa, e o director de informativos as escaletas todas. Pero calquera que teña acceso ao programa pode ver que se está facendo nel.

       Non penso que o que pretendían os membros do Consello de Administración fose ter o que se chama privilexios de administrador, e fedellar nas noticias (os resultados podían ser similares a aquel do chiste de “¡Quiero conducir yo!”). Soamente algo tan inocente, supoño que xustificarían, como “botar un ollo”. Pero todos sabemos que os integrantes de órganos designados politicamente en España están aí para velar polos intereses do designador, non do órgano, e todos sabemos que logo de botar o ollo, botarían man ao teléfono. No mellor dos casos, en plan Gracita Morales: “señorito, que al mediodía solo le van a dar 45” en colas, y después de una ONG”. No peor, para presionar ao responsable do programa. Sendo un pouco cínicos, home, polo menos que te presionen despois, pero que deixen traballar.

Así que non me creo que a decisión fose tan inocente. De feito, quen a propuxo, Rosario López Miralles (“velaré por una información plural y objetiva, que debe ser el espejo de la diversidad y pluralidad de España”, dixera na súa comparecencia no Senado cando a designaron), xa llo pedira en varias ocasións ao daquela presidente da corporación, Alberto Oliart, que llo denegara por escrito en base ao dereito á liberdade e á independencia dos xornalistas. Ademais, a proposta debateuse a fondo e os conselleiros non se pode dicir que non teñan experiencia profesional no ramo. Imaxino que se os de PSOE, ERC e CCOO non se opuxeron foi porque, se os outros queren ter esa información, non estará de máis tela nós. Digo imaxino porque non houbo moita explicación. Os promotores, os do PP, anunciaron que a retiraban non porque cometeran un erro, senón polo “rechazo suscitado” (“Caballero, renuncio a llevarme su cartera no porque sea suya y no mía, sino porque usted se aferra a ella”).

O malo do caso iNews non é unha mostra máis da ansia de control informativo por parte dos políticos: é a conclusión que producirá nalgúns de que “se os medios públicos están tan politizados, mellor privatizalos”. Como se moitos privados non o estiveran. Como se RTVE non fose aquel no que se precisa máis consenso parlamentario para designar os seus dirixentes, e non cun dedazo do goberno correspondente. E como se a oposición frontal dos traballadores á medida non fose en boa parte posible precisamente porque é un medio público no que hai órganos de defensa como consellos de informativos. E o bo do caso iNews é que demostrou que as redes sociais, tan denostadas por moitos medios tradicionais (quitado como fonte de noticias irrelevantes) demostraron ser máis eficaces que os posicionamentos e comunicados á hora de defender o evidente.

 (La Opinión de A Coruña, 24 de setembro de 2011)

Advertisements