Si non estivésemos tan afeitos ás malas noticias económicas e aínda nos produciran algún tipo de reacción, os datos do paro do trimestre pasado da Enquisa de Poboación Activa publicada onte polo INE serían como para desesperarse un chisco. En Galicia hai 65.000 familias, -máis ou menos a poboación dunha cidade das grandes- nas que ningún membro ten traballo. E 23.000 nas que non entra carto ningún (polo menos de forma completamente legal ou regulada), nin unha pensión siquera. “El paro es la gran razón para el cambio” é a última mensaxe elaborada polo equipo de Rajoy e difundida polo candidato. “A oposición é a arte de prometer aquilo que o goberno non pode asegurar”, dixo Harald Nicolson, un político da idade de ouro do parlamentarismo e do seu templo, a Cámara dos Comúns do Reino Unido. Cen anos máis tarde Mariano Rajoy dálle a razón. O de que o paro é unha razón para cambiar é unha verdade tan grande como incompleta, porque cinco millóns de parados serían unha enorme razón para cambiar a política que fixo o goberno Zapatero, pero o que non está claro é o que o equipo de Rajoy –o de gobernar, non o de facer frases- vaia facer outra. Máis ben todo apunta a que fará a mesma, máis cargada de bombo.

De feito, en Galicia fomos uns adiantados na comprobación da frase de Nicolson. O candidato opositor Núñez Feijoo prometera amañar o do paro en 45 días. Dous anos e medio despois, o que conseguiu aquel político prometedor foi aumentalo. Desde que Feijoo puido empezar a facer o que prometía, a política de Zapatero que hai que cambiar incrementou a porcentaxe do paro en España tres puntos e medio, do 18% ao 21,5%. A de Galicia subiu cinco puntos, do 12,5% ao 17,5%. Ben, dirán, errar é humano. Si, e botarlle a culpa a outro é política, completou nunha ocasión Hubert Humphrey (un político estadounidense que perdera as primarias contra Kennedy e logo as eleccións contra Nixon, pero entre unha cousa e outra chegou a vicepresidente cando correu o escalafón pola morte de JFK).

Nese sentido, hai que recoñecer que temos uns excelentes políticos, empezando polo presidente da Xunta. O da Cidade da Cultura, por exemplo, foi un erro, como case medio mundo sabía e a outra metade intuía. Pero a culpa non é do Goberno do que era vicepresidente o actual presidente, que a puxo en marcha e mesmo cando xa estaba en funcións lle aprobou obras. A culpa é da oposición. Dos que daquela eran a oposición e agora o son agora outra vez, porque non pararon a cousa no breve interregno no que non o foron e mandaban. A novela La conjura de los necios¸ de John Kennedy Toole é todo un canto a esta liña de pensamento exculpatoria de amplo espectro, tipo non me tería saltado o semáforo se non se puxera en vermello. John Galsworthy, un contemporáneo de Nicolson (e tan descoñecido coma el, a pesar de que ganou o Nobel de literatura en 1932) consideraba que unicamente había unha norma para todos os políticos do mundo: “Non digas cando estás no poder o que dicías na oposición”. En Galicia, ademais de ter xa experimentado os resultados da futura política laboral en España –gustaríame un mundo equivocarme- xa superamos esa fase de andar temendo as incoherencias e as hemerotecas: “Dixeras o que dixeras cando estabas na oposición, cando estás no poder tes a razón”.

 (La Opinión de A Coruña, 29 de outubro de 11)

Advertisements