Estou moi a favor das tradicións, aínda que son ecléctico. Penso que hai que conservar e promover as que pagan a pena, combater e extirpar as execrables, procurar converter en irrelevantes as que producen vergonza allea, e crear as que debería haber e non hai. Ou sexa que tan a favor estou delas como en contra. Tamén creo que se hai algo vello que funciona, beneficia á maioría, ou a poucos pero non prexudica ao resto, meterse a cambialo por cambialo é unha parvada. E o mesmo pasa coas cousas novas que parece que funcionan. Toda esta análise contundente vén a conto dunha controversia que tiven o outro día sobre que celebramos realmente estes días. Porque o martes pasado, e este tempo en xeral, para algúns, os clásicos, foi Santos ou Defuntos. Para outros, os modernos, Hallowen. Para os terceiros e puristas, Samaín. E para os eclécticos e partidarios de celebrar as festas cando se pode, e non en data fixada, o tempo dos Magostos.

         En realidade, o que sempre se debeu celebrar é a fin do verán e a chegada do outono, naqueles tempos remotos nos que non había curso escolar, remate das vacacións ou campañas publicitarias para vender roupa de abrigo. Acabábase a calor, rematábanse de facer os traballos do campo que houbera que facer no verán, e preparábanse os que habería que facer cando empezaba a vir o frío. E con tal motivo, e aproveitando a pausa, argallábase unha pequena festa. E a melancolía da época –cae a folla, vaise o día, esmorece o sol- debeu meter o recordo dos mortos no asunto. O caso é que os celtas celebraban no Samaín a fin do tempo das colleitas, que para eles era o paso do ano vello ao novo, e tamén o tempo no que as ánimas viñan de visita ao mundo dos vivos. A primeira referencia do cristianismo á data de Santos é do ano 615, cando o papa Bonifacio IV transformou un panteón (é dicir, un templo dedicado a todos os deuses) romano en templo católico, e dedicoullo ao Día de Todos os Santos. Celebrábase o 13 de maio, ata que un século despois Gregorio III mudou o día ao 1 de novembro, e cen anos máis tarde, en 840, Gregorio IV declarouna festa universal. A Igrexa católica, pese ao que agora poida parecer, sempre entendeu que era mellor poñer a vela onde sopra o vento que pretender que vente onde se pon a vela. O nome Halloween vén da expresión inglesa para a véspera de todos os santos (“All Hallow’s Eve”) e a festa parece que a levaron aos Estados Unidos os emigrantes irlandeses e/ou escoceses, pero tamén hai quen di que a Irlanda/Escocia a levou de volta a televisión, como a todo o mundo. Agora xa non son os papas os que declaran as festas universais.

En Galicia, desde hai 20 anos, antes case do trunfo de Halloween, reivindicase o Samaín, atendendo a uns precedentes que uns defenden e outros negan. Eu nin unha cousa nin outra, porque as tradicións veñen e van. O das doce uvas foi unha estratexia comercial para colocar un excedente de produción hai menos de cen anos, e o do día da nai e do pai, unha argallada duns grandes almacéns. E os usos que se impoñen son os que prestan (miren para o béisbol, que non hai maneira) e como non vai prestar andar a pedir, se xa en 1541 o bispado de Mondoñedo criticaba o costume dos mozos de ir polas portas o día de Santos pedindo “pan e carne e viño e freixós e pixoles e outras cousas…” O que queiran menos –como escoitei con estas orellas- chamarlle “castañada” ao magosto. Ata aí podíamos chegar.

 (La Opinión de A Coruña 5 de novembro de 11)

Advertisements