Etiquetas

, , ,

Téñolles que confesar que sempre penso o mellor da xente, pese a todas as experiencias. Por iso confiaba en que as medidas que anunciaría o futuro presidente do Goberno serían as que pretendían amañar a economía, que é non soamente o principal problema que nos afecta, senón precisamente o que o levou á Moncloa. E teño que confesar tamén que estou decepcionado. Mesmo preocupado. Xa sei que Mariano Rajoy non ten por que someter a súa axenda de pensamento, palabra, acción u omisión á necesidade de ter titulares todos os días (non sei se os mercados teñen tanta paciencia, non os trato persoalmente). Pero as que foi deslizando na campaña ou adiantaron os seus colaboradores son tan preocupantes como as que non deslizaron nin adiantaron, pero todos nos tememos, como a suba do IVE, a rebaixa das prestacións e meterlle a man no peto a funcionarios e quen se deixe.

         Por exemplo, o de recuperar o orgullo de ser español. Sempre me pareceu que o orgullo ten máis de defecto ca de virtude, e tamén o consideraba así Santo Tomás de Aquino, que o cualificou de pecado capital. E a maiores, un pode estar orgulloso do que conseguiu –ter os abdominais como unha táboa, saber búlgaro-, pero non do que lle caeu enriba sen traballo –ser alto ou nacer en Toledo-. E a maiores, a Historia evidencia que o orgullo é moito peor conselleiro ca sensatez, e a psicoloxía demostra que é moito máis útil coñecerse e apreciarse que andar pola vida botando peito. Pero el saberá como afecta iso aos mercados. A outra intención desvelada polo agora máis ben calado voceiro González Pons é que TVE retransmita as corridas de touros. Sobre a televisión, como non é obrigatorio vela, son moi liberal, pero sobre a televisión pública, entendo que  non debe gastar os cartos en exhibicións de tipos vestidos como se Carmen de Mairena fose ciclista apuñalando bichos. E se houbese demanda, xa se encargarían de facelo as privadas, que non se cortan á hora de exhibir vísceras. Iso sen contar que é un pouco contraditorio considerar as corridas como festa cultural e promovelas con que vaias polo mundo orgulloso de ser español. De todas formas, eles saberán de cómo hai que ser un español como debe ser, que levan toda a vida coa exclusiva.

Así e todo, o que peor me parece é que volva Mecano. Xa sei que non é unha medida que dependa de Rajoy, pero non creo nas casualidades. De feito, os representantes dos autores de “Hoy no me puedo levantar” (evidente referencia ao próximo presidente do Goberno) nin afirman nin negan (outra referencia) que o grupo vaia facer unha xira, pero din que levan 20 anos intentándoo “y ojalá se pueda confirmar pronto”. Ademais da rara circunstancia de que un grupo que non existe teña representantes, por que, despois de dúas décadas, xurde precisamente agora a posibilidade? E definitivamente, o regreso –ou non- de Mecano cadra perfectamente con medidas dos conservadores norteamericanos, coma a do candidato Newt Gingrich que propón que os alumnos pobres de máis de nove anos se encarguen dos traballos de mantemento e limpeza das escolas, e se despida aos traballadores que agora os fan (Gingrich triplicou así as súas posibilidades de ser o rival republicano de Obama). Ou a do congresista de Florida Ritch Workman que propuxo levantar a vixente prohibición de celebrar nos bares concursos de lanzamento de ananos, para crear oportunidades de traballo e por considerar a lei “unha restrición innecesaria das liberdades do pobo”. De ir adiante, xa verán como González Pons propón retransmitir o espectáculo por TVE.

 (La Opinión de A Coruña, 26/11/2011- Faro de Vigo, 28/11/2011)

 

 

Advertisements