Se a idea que vostede ten dun periodista é a dun tipo ou tipa que sae na tele dicindo o que lle peta, aínda que sexa de forma educada, pode aforrar ler isto. Porque lles quero falar de dúas noticias que teñen moito que ver co periodismo de verdade: un informe que asegura que a maioría dos adolescentes son machistas, e as promesas do PP aos editores de diarios para paliar a crise da prensa. O informe, elaborado pola Federación de Mujeres Progresistas di, e así o difundiron moitos medios, que o 80% dos adolescentes cree que nunha parella, a rapaza debe compracer ao rapaz. En canto ao outro, o responsable de Comunicación do PP, Esteban González Pons, prometeulle á Asociación de Editores de Diarios de España unha reforma legal para protexer a propiedade intelectual e axudas para a reconversión dixital. Que relación terá unha cousa con outra?, dirá vostede. Exactamente a mesma que o ovo e a galiña.
Cando lin o da propiedade intelectual pensei que se refería á vella reivindicación dos xornalistas de ter os dereitos do que escribes cando a empresa que o publicou llo vende a outra. Evidentemente, parvo de min, do que se trataba é de reformar a lei para loitar contra a piratería e concienciar á sociedade de que non todo o que está en internet debe ser gratis. O que non entendo é que piratería hai nos periódicos. Quitado algunhas webs caraduras que atopei, que pretendían cobrarme por ler un artigo meu publicado nun periódico, son os xornais os que poñen de balde os contidos en internet. Eu, e moita xente, agradecémolo, pero non penso que ninguén reclame que teña que ser así obrigatoriamente. Os periódicos teñen todo o dereito a cobrar por algo que custa cartos e esforzos facer. Tamén defendo que haxa axudas á prensa. Se as hai para outros sectores, ou para mercar un coche, con moita máis razón hai que apoiar unha industria cultural. Pero tampouco me cadra moito que sexan para a reconversión dixital, e non só porque hai nada houbo quen as recibiu para renovar rotativas. A reconversión dixital o que esixe fundamentalmente é contratar uns especialistas. Para elaborar os contidos, os profesionais que xa están teñen as mesmas ou moitas menos dificultades que as de adaptarse a traballar na radio, na tele ou nun gabinete de prensa.
O que pasa é que, por razóns que se me escapan, hai o convencemento de que para unha redacción dixital fai falta menos xente, ou peor pagada, como se o público de internet fose menos esixente, e aquí está a relación co informe sobre o machismo xuvenil. Todos os medios que o difundiron adaptaron a nota de prensa que lles chegou, ou a calcaron. Se consultaran o informe -ademáis de comprobar que está financiado polo Ministerio de Trabajo e a UE- verían que soamente se fixo en dous institutos (que xa é botarlle peito pretender que iso sexa representativo) e que de nove preguntas, soamente tres revelaban ese machismo. O de que 80% dos rapaces consideran que as mozas deben compracelos nin sequera é certo. Sacárono –ademais de do titular da nota- de que só o 21% está totalmente en desacordo con esa afirmación, pero tamén está algo ou bastante en desacordo o 25-30%, co que en realidade é a metade (que xa lle chega, pero non é o mesmo). É a maiores, que se responde a unha pregunta así: que a parella está para amolar? Non discuto que os adolescentes sexan machistas, pero si os datos.
E isto pasa porque os xornalistas non teñen tempo e/ou motivación e/ou esixencia de contrastar as notas que lles veñen. Hai tal abundancia de información de parte interesada que chega para facer dous ou tres periódicos ao día, pero así os xornais, en papel ou dixital, serán unicamente taboleiros de propaganda disfrazada. Ou como dixo David Simon, que deixou o xornalismo para ser o guionista de The Wire, un día entéraste de que abriron un puticlub onda o colexio do teu fillo porque ningún periodista cubriu o pleno municipal no que se aprobou.
(Versión para Faro de Vigo)
No periodismo actual, ou hai moita mediocridade, ou poucas gañas, ou moita carga de traballo,ou un pouco de todo. As novas sobre temas ambientais adoitan ser escandalosamente simples, non contrastadas e seguindo a maxima de “non deixes que a verdade te arruine un bo titular”
Penso que un bastante de todo, desgraciadamente
Ben, creo que sería pertinente situar responsabilidades a quen corresponde, sen deixar de lado que hai moita xente que opina e descoñece o que sucede dentro dun medio de comunicación. Non é igual un redactor que un xefe de sección ou un director que cada vez de xeito máis descarado e ante a desolación da redacción censura informacións ou impulsa a figura de algún político ou empresario. No primeiro caso informacións que case sempre van contra alguén do PP, no segundo, a favor (publicidades encubertas como información, etc). O xornalismo está na uvi, é propaganda do poder e agora mesmo dun xeito cada vez máis brutal. Exemplo: un alcalde gaña as aleccións e proclamando austeridade báixase o soldo (aplausos). Por detrás negocia co seu partido un cargo importante a nivel de Galicia para recuperar, e aumentar, eses cartos. O caso sábese. Ninguén informa. E así ad infinitum. El Pais Galicia co 3 ou 4% da plantilla de La Voz publica dez veces máis casos de abusos do poder que este xornal. Alguén me quere dicir que La Voz non se entera?
Eu non digo nada, que todo se sabe, pero dentro da atribución de responsabilidades segundo o escalafón, os periodistas rasos algunha teñen. Porque hai veces en que hai que dicir, como o escribiente de Melville, “preferiría non facelo“. Nos tempos en que a presión non era o despedimento, senón perder puntos na carreira por promocionarse, tampouco había moita resistencia. E todos sabemos que se presiona aos que se sabe que se pode presionar.