Apuntes da conferencia inaugural -‘Lois Pereiro, un poeta europeo’- que Pere Gimferrer, autor do prólogo da obra completa bilingüe de Lois, fixo no Congreso LP, a xeito de tuits (dado que na sala non había cobertura e tamén estou algo farto de olladas reprobatorias ao maleducado ese que fedella no móbil e non atende)
- “A literatura galega estivo sempre no centro da cultura europea, non na periferia, como soubo Roman Jakobson e ignora George Steiner, que a menosprezou”.
- “Non hai contradición, nin oxímoron en que unha Academia homenaxee a alguén tan pouco académico como LP”.
- “Chama a atención a variedade e a intensidade da obra. O seu control da materia poética é moito maior que o de poetas similares, como Leopoldo María Panero”
- “LP elixiu a súa tradición literaria, pero ao contrario que Dylan Thomas ou Henri Michaux, el non escolleu a enfermidade, non hai nel un malditismo deliberado”.
- “Na segunda metade do século XX, nas literaturas ibéricas non hai un poeta semellante, e na europea hai poucos”.
- “Para sobrepoñerse ás doenzas que padeceu hai que ter unha enerxía moral extraordinaria”
- “Non hai poemas nin liñas na súa obra que non chamen a atención pola súa intensidade.
- “A súa evolución literaria é en espiral. Cada volta supera á anterior, sen romper con ela, e sempre avanzando”.
- “Todos tendemos a escribir así. Soamente algúns, como Pereiro, o conseguen”.
E dous de Roberto Varela:
- “O Día das Letras deste ano foi un éxito moi difícil de superar, e foino grazas á implicación da sociedade, e particularmente da mocidade”.
- “Dicía Dylan Thomas que o mundo xa non é o mesmo mundo desde que se lle engade un bo poema. Lois cambiou a forma na que nos movemos no mundo”.
Non sei se o Gimferrer acerta nas súas valoracións, pero sempre me gustaron as palabras de cataláns coma el, cando se poñen a analizar a materia literaria.
O que si teño claro é que o pouco que lin do Lois fíxome pensar que unha cousa chamada Galicia está moi viva. Veume situar noutra especie de montebaixo (máis “urbano”, pero “campo” a fin de contas) moi galego, tanto como xa fixera o Cunqueiro.
Pingback: Gimferrer sobre Lois Pereiro | Lois Pereiro