Quizais estean preocupados polo recente novo pacto do euro, e buscan análises sobre se é positivo, negativo ou quedamos a pré. Ou teñan dúbidas sobre se nos convén saír do euro e xa postos, do sistema métrico decimal, ou quedarnos como estamos. Pois neses casos, vaian ás páxinas de economía, ou a outros columnistas, onde seguro atoparán argumentos sólidos a favor ou en contra. Porque eu, idea diso teño entre escasa e nula. Pero a risco de ir outra vez máis contracorrente, a min paréceme que, en xeral, todo o que veña de Europa é positivo, aínda que sexa desa Europa na que manda Merkel e Sarkozy fai de palanganeiro, vello oficio do que soamente queda a súa acepción máis pexorativa.

         Xa sei que no pasado recente, de Europa viñeron as medidas que caparon o noso potencial en pesca, leite e barcos. Pero eles non teñen a culpa de que os gobernos de España negociaran mal e aceptaran contrapartidas como os 6.000 millóns de euros de fondos que viñeron a Galicia, e que os nosos gobernantes decidiran gastalos en rotondas con hórreos no medio, carreteras a ningunha parte e obras con moito máis obxectivo electoral que de dotación de infraestruturas. Tampouco foron eles quen nos embarcaron nese coche costa abaixo e sen freos que era unha economía baseada en construír tantas vivendas como no resto de Europa xunta. Mesmo foi a UE quen criticou a desmesurada aplicación desa política no Levante. Nin eles quen deixaron ás nosas institucións financeiras facer o que lles petara mentres ían de sólidas pola vida. Por suposto que agora Merkel, Sarkozy, Cameron e tutti quanti van ao seu, sen chisco daquel espírito europeísta de antes. Pero os gobernantes que escollemos colaboraron activamente na súa perda, e ben que lles esiximos que salvagardaran os intereses españois, aínda que non foran os de todos os españois, senón os de onde hai máis votantes. En definitiva, non vexo mal que pretendan organizar o tenderete os que teñen sociedades mellor organizadas. E en canto ao de botarlle a culpa do que nos obrigan a facer, de verdade pensan que os que nós si escollemos farían algo distinto?

O que non entendo é a actitude dos que van todo o día inchados de orgullo patrio, ata prometer que impoñerán o mesmo respecto que os terzos de Flandes, pero sen armadura, e agachan a cabeza en canto saen fóra. Os que ameazan todos os días con enderezar España e recentralizar competencias, como se foron os donos da bicicleta que nola reclaman despois de deixarnos dar unhas voltas. Os que dicían que a Constitución era de aceiro inoxidable ante as pretensións dunha parte da cidadanía, e a fixeron de plastilina nun amén ante un sms de Berlín. Nin que o líder que prometía devolver o orgullo de ser español ande largando por aí o que vai facer a todo canto entrevistador ou representante dun país estranxeiro se reúne con el, e non nolo diga aos que representa e teremos que soportar esas medidas. E todo por poder sacar unhas notas de prensa nas que, como despois da reunión de Rajoy co secretario do Tesouro dos EEUU, o PP diga que Obama lles dá a razón, sen que a outra parte o confirme, o desminta ou sequera informe da reunión.

O de sacar os dentes na casa e o sorriso fóra dela recórdame a conduta dos maltratadores, pero quizais é duro de máis, así que me a comparo coa actitude daquel valentón dos versos de Cervantes: “Y el que dijere lo contrario, miente’./ Y luego, incontinente,/ caló el chapeo, requirió la espada/,miró al soslayo, fuese, y no hubo nada”.

 (La Opinión de A Coruña, 10 de decembro de 2011)

 

 

 

Advertisements