Etiquetas
©Xurxo Lobato
O noso Steve Jobs
Quizais haxa quen se escandalice por comparar a Isaac Díaz Pardo co fundador de Apple. Desde eses ánimas benditas desas que pensan de verdade que os aparellos que facía a empresa da mazá mordida lles cambiaron a vida, ata os que consideren un sacrilexio comparar a un referente da cultura galega con un capitán de empresa ianqui. E por ampliar o círculo de escandalizables, diría que Díaz Pardo superou a Jobs, e non polo deteriorado argumento de que era noso. Pero a semellanza entre o creador de Sargadelos e o do iPhone é obvia, como me dixo Berto Yáñez, que xa a usaba onte cando lle pedían a súa opinión sobre o ilustre falecido.
Máis aló de freudianismos elementais e igual de obvios como que Jobs era fillo dun pai que fuxiu, e Díaz Pardo fillo dun pai que lle mataron cando era un rapaz, os dous conseguiron facer reais os seus soños. Por se os devotos dos aparatos i-algo o ignoran, as pezas de Sargadelos e/ou O Castro foron, nos anos 70 e 80, na compaña do televisor, a lavadora e os teléfonos que non eran de baquelita negra, o signo da modernidade e da distinción das clases medias, baixas ou altas, e arredores. E tamén de orgullo de galeguidade, en tempos nos que non había medo de ser galego de máis. Mesmo había certas discusións teórico-estéticas (sen chegar á virulencia Android-iPhone) sobre se as de Sargadelos eran máis vangardistas e as de O Castro máis distinguidas (aínda que menos fáciles de lavar). E se alguén o dubida, que quite os cascos e lle pregunte á súa nai/avoa se é certo que as producións de don Isaac lle resolveron ou non unha chea de regalos de voda e outros compromisos sociais.
Pero, fóra de coincidir no éxito en dar realizado os seus desexos e de fabricar e vender gadgets bonitos e funcionais, electrónicos ou de louza, hai unha diferenza entre Díaz e Jobs. A favor do noso home o que, contaxiado polas homenaxes, chamaría vontade de transcendencia (o que chamaría espírito de servizo ou devoción á causa se non fosen expresións deturpadas). A idea de que fas o que tes que facer, o mellor que sabes facelo, porque é o que hai que facer. Aínda que, ás veces, non sexa o que che conviría facer. E tamén hai unha diferenza entre o nibelungo do Castro de Samoedo (Sada) e o naturista de Cupertino (California). Jobs estivo no medio idóneo para desenvolver os seus proxectos, o que non quere dicir que lle resultase doado, e Díaz Pardo tiña todo en contra, quitado a colaboración dalgúns amigos. E iso é o que fai a súa perda máis dura. Con el vaise aquela época en que fomos capaces de facer algo. Hai xente entre nós capaz de facer cartos (refírome honradamente, cos outros sistemas, hai demasiados), pero sen ese desexo de facer outra cousa que cartos que tivo aquela xente. Xente na que os propósitos de colaborar en que o mundo sexa mellor residen nas declaracións dos seus gabinetes de relacións públicas ou nos seus departamentos de publicidade, non entre os elementos cos que constrúen os seus proxectos.
E tamén se foron con el (case o mesmo día que morreu Castelao) aqueles tempos e aquelas xentes que, con todos os defectos que se queiran, querían tender pontes para que os outros se sumaran e non, como se especializaron as xeracións posteriores, en erguer trincheiras contra os outros e contra os nosos. Esa perda, ou esa consciencia, é o noso regalo de Reis.
(La Opinión de A Coruña, Faro de Vigo, 7 de xaneiro de 2012)
Outras cousas que ver, ler e saber about ISAAC DÍAZ PARDO
El último mohicano. Perfil-entrevista que eu lle fixera, con Santiago Romero, en La Voz de Galicia, hai 20 anos xustos
Nós non esquecemos nada Miguel Louzao na revista Madrygal, en 2004
“Yo me veo a mí mismo como un templagaitas”. Entrevista en El Progreso en 2003
Platos rotos en Sargadelos, reportaxe meu no suplemento Negocios de El País en 2006
Adiós a Díaz Pardo, guardián de la cultura democrática de Galicia. O obituario que fixen en El País
Isaac, ese adolescente huido. Suso de Toro en El País
Forma o barbarie. Iago Martínez en El País
Duelo en el país que queda. Óscar Iglesias en El País
Isaacgalicia Xerardo Estévez en El País
Apretas tensas. Manuel Bragado en Faro de Vigo
El intelectual y empresario que repensó Galicia Santiago Romero en La Opinión de A Coruña
Isaac, xeración. Xosé Ramón Pena en Faro de Vigo
El intelectual que obró la utopía de la Bauhaus. Henrique Mariño en Público
Xelado con bólas de tres cores. Santiago Jaureguizar en El Progreso
Os ollos de Díaz Pardo. Xesús Alonso Montero en La Voz de Galicia
Prestigio de Galicia. César Antonio Molina en La Voz de Galicia
Con Isaac, nos Pagos da Magdalena. Luis González Tosar en La Voz de Galicia
Retrato de si propio. Luis Cochón en El Correo Gallego
O señor de Sargadelos. Alfredo Conde en El Correo Gallego
Esta vez o lin 3 veces para que non se me escape o dato “cunqueiro”. Creo que algo xa di o texto, pero eu quería salientalo: mentras Isaac era un humanista integral (non sei se nudista) o Steve era un cabronazo integral desde o punto de vista humano…
Home, sempre se me pode escapar algo, e tampouco hai por que concordar ao milímetro. Sobre a figura de Jobs (que me parece non sei se un xenio, pero un tipo bastante sobresaínte, pero unha persoa pouco de fiar, como lle pasa a moitos, comezando por Picasso), ou sobre a jobslatría, creo recordar que fixen algo cando a súa ascensión aos altares…
Descanse en paz, onda os bos e xenerosos.
E graciñas polos enlaces. Reforzaron esa idea, que xa tiña, de que nesta Galicia nosa levantas unha bosta das que tanto hai nos niveles superiores e descubres que tapan auténticos diamantes como o Isaac…