Etiquetas
СВЕТИ ГЕОРГИ“Nesta lexislatura hai a oportunidade e a ocasión de endereitar moitas cousas en España, e para iso o Goberno ten que ser firme e a oposición responsable”. Esta foi, máis ou menos, a análise do que nos espera que fixo o outro día nunha conferencia Magis Iglesias, unha das poucas persoas que coñezo que deu chegado ao cimo da escaleira profesional sen que lle afectara o mal de altura. O que si recordo é que, entre os motivos para esperar que Mariano Rajoy aproveite esta oportunidade, mencionou a solidez profesional e política de tres ministros: Alberto Ruiz-Gallardón, Jorge Fernández Díaz e José Manuel García-Margallo. Mencionouno alí e argumentouno despois nunha desas ceas que é unha pena que acaben, cando lle confesei a miña estrañeza na decisión do presidente de poñer as tres patas da banqueta na que está subido en áreas como Xustiza, Interior e Asuntos Exteriores. O seu coñecemento do que pasa nas alturas da política e o seu trato cos que alí habitan son tan sólidos como a miña ignorancia sobre eses sitios e esa xente, así que nin llo discutín entón nin llo discuto agora, simplemente me dá a impresión de que os primeiros pasos dalgunha das patas da banqueta están a defraudar esas expectativas.
Pois eu considero, coñecendo o percal, que ata o de agora as iniciativas (tamén chamadas ocurrencias) do autosuficiente e narcisista Ruiz-Gallardón (é dicir, a reinstauración das taxas xudiciais, a amenaza da volta ó aborto casuístico e a proposta de compensar ós esforzados notarios pola baixada do negocio inmobiliario vía matrimonial exprés) resúltanme do máis previsible. Vamos, que as miñas expectativas ó respecto non se ven defraudadas en absoluto.
É que xa se sabe que as expectativas soamente se defraudan cando existían previamente. Pero o que me estraña -relativa e retoricamente- é que, a maiores das decisións ideolóxicas, non haxa outras pragmáticas, cando o goberno central está nunha situación na que pode facer o que queira.
Espérese a ver qué pasa despois das eleccións andaluzas e/ou das asturianas. E lembre que, en todo caso e mentres tanto, a reforma laboral sairá adiante sí ou sí. Ah!, e ollo coa reforma que lle está a cociñar o equipo do inefable Arias Cañete á vapuleada lei de costas, en plan de dar sanción e carta de legalidade ás aberracións instituidas (construidas) nos últimos anos… non, se por materias nas que decidir non será…