Etiquetas

, ,

Se están implicados dalgunha forma na organización dunha voda e andan movendo Roma con Santiago para atopar un buraco na axenda de casorios da súa parroquia, ou mirando de ter algunha influencia nalgún xulgado, aínda que sexa de paz, ou repasando aos coñecidos por se son amigos dalgún edil dos concellos da contorna, paren e non lle dean máis voltas. De seguir adiante nos seus plans o ministro de Justicia, Alberto Ruiz-Gallardón, en breve poderán casar os notarios. Casar á xente, non eles, que xa poden (e boas oportunidades deben ter).

      Don Alberto caeu niso pensando por un lado en alixeirar o atranco xudicial e aforrar todo tipo de gastos, incluídos os de limpar o arroz do exterior das dependencias. Tanto caeu niso que ignora que o seu partido apoiou unha lei, que el tería que aplicar, que xa libraba a xuíces e fiscais da xurisdición casamenteira. El faino sobre todo para compensar ao sector do notariado, cuxos ingresos baixaron apreciablemente desde que a xente non merca casas nin asina hipotecas. Entendan que as notarías, entre o numeroso persoal que teñen que soster, agora ocioso e mirando para as moscas, e os investimentos en remodelación de instalacións, cadeas de montaxe, maquinaria e equipamento informático que fixeron, están nunha situación financeira delicada. Tanto que xa verán como han solicitar poder oficiar casorios os rexistradores da propiedade (que outra cousa é un matrimonio, en orixe, senón unha cerimonia de adquisición dunha propiedade?) e os corredores de comercio, que tamén están lambendo pola drástica baixa na concesión de créditos bancarios.

A favor do matrimonio notarial é que, como haberá que pagar a minuta, será exclusivo que casar nun salón de plenos de pueblo, e moito máis fino, a pouco que a notaría estea ben montada. Ademais é unha medida que consolida a familia, na mellor tradición conservadora, porque do que dá fe un notario xa non hai quen o desfaga, como ben sabemos os que pisamos eses santuarios da certificación para asinar unha hipoteca. Pero o ministro Gallardón, fiscal de profesión aínda que creo que non a exerceu practicamente nunca, debería ser comprensivo cos outros sectores en crise. De entrada, co da construción. Non un digo un peón, pero un capataz, afeito a organizar cuadrillas e planificar traballos pode oficiar perfectamente. Por non falar das bonitas metáforas sobre como o amor fragua, e os elementos dispersos se converten xuntos en algo sólido, alicerces e placas para erguer unha familia, e logo ir botando pinchos e tabicando segundo se vai necesitando acoller aos novos membros… Señores e señoras, candidatos ao matrimonio ou a pasar ao estado de sogros ou cuñados, non me digan que non é moito máis bonito e emotivo unha cerimonia da construción (fermoso nome: cerimonia da construción©) que a lectura dos artigos dun código xurídico, e máis desa forma inintelixible e fernandoalonsiana que practican os notarios.

E tamén nós, os xornalistas, que temos unha crise que mete medo, podemos oficiar casamentos, e xa non digamos divorcios. De feito xa se fai, unha cousa e sobre todo a outra, nas revistas e programas do corazón. Pero eu falo de oficiar, preguntar polos proxectos e expectativas aos noivos, contrastar a veracidade do que se prometeron, confirmar con varias fontes que van en serio. E os foteiros e cámaras ao seu, rápidos e áxiles, instruíndo aos torpes (“bicarse!”, “agora dálle a man ao sogro e dille ‘papá’”). Se o podía facer ese capitán Schettino que foi tan burro de estampar contra a costa un barco grande como un mundo e caer nunha lancha, podémolo facer nós. Veña, señor Ministro, que máis vale casar que roubar.

 (La Opinión, sábado 4 de febreiro de 2012)

Advertisements