Etiquetas

, , ,

Non, Teresa Táboas non é trending topic, pero é sorprendente o rebumbio creado pola súa demisión. Ben, tampouco é sorprendente de todo. Éo porque Táboas non deixa de ser unha recén chegada á política -como non deixan de sinalar os seus aínda compañeiros de militancia, que tradicional e interesadamente confunden a ideoloxía cos trienios-. E tampouco -que se saiba- deixa de estar afiliada ao BNG, senón que fixo esa cousa tan rara de demitir sen ter obriga ningunha, quitado a necesidade que algúns teñen de estar máis ou menos de acordo entre o que pensas, o que dis e o que fas. Tamén é sorprendente a repercusión, porque precisamente é o BNG dos poucos sitios onde se dan algúns deses casos de coherencia dimisionaria -Roberto Mera, Quintana-. Mesmo agora, do fracaso colectivo da política e da estratexia que foi Amio, saíron casos pouco frecuentes de coherencia: desde a asunción disciplinada de Paco Jorquera dun cometido que nin quería nin lle acae (ou lle acae peor que outros dos dispoñibles), ata o xesto de Aymerich de rexeitar a chantaxe (ben, deixémolo en difícil alternativa) de escoller entre manterse no posto de voceiro parlamentario, incumprindo en menos de 48 horas un acordo plenario que el non votou, ou renunciar a liderar aos seus, ou ti estate aí e débenos un favor. O terceiro xesto é este de Táboas, que nin siquera optara a nada en Amio.

Pero non é sorprendente porque, como moi ben analizaba, a pesares do corsé do xénero informativo, José Precedo, nesa noticia que recén publicada acadou a de máis vista da edición de Galicia, a ex conselleira de Vivenda foise sen amagos previos e sen criticar, antes ou despois, ao BNG ou á liña política e organizativa que ratificou a militancia. É dicir, non é unha decisión endóxena, que soamente lle interesa ao Planeta Bloque (militantes, simpatizantes, ex militantes e a algúns dos votantes) e aos que nos ocupamos destas cousas políticas cando non hai outras máis interesantes (e nin siquera a todos, tendo en conta o que escribiron e radiaron algúns), senón esóxena. Cara fóra, como demostra que, contra o que é habitual nos dimisionarios, despediuse, pero non da política, nin con ese argumento de deixar a primeira liña. Por iso a primeira reacción, simultánea á dos que se alegraban de vela fóra do cargo e tanto lles ten que si da organización, foi a de darlle acubillo. Tanto nesa illa que profetiza Jaureguizar que sairá destes movementos magmáticos no nacionalismo, como en territorios que xa veñen nos mapas como o PSdeG.  Ou sexa que non sei se hai partido, como di Jaure, pero polo que se ve si que hai ganas de xogar.

Advertisements