Etiquetas

, ,

Non sei que farán vostedes cando teñen moito tempo libre. Non ese tempo libre que se dedica a pasear, ler, estar coa familia, ver a tele. Falo de cando hai que encher unha morea de tempo morto. Nesas circunstancias, eu dedícoo a tentar instalar no ordenador o DNI electrónico. Paso un par de horas fedellando, tan ocupado como os que constrúen a Cidade da Cultura ou as novas terminais dos aeroportos galegos con mistos ou palillos (refírome a maquetas, claro) e coa mesma produtividade.
        Se queren que lles diga a verdade (e nestes asuntos non me custa nada dicila), a utilidade do tal DNIe é relativa para a maioría da xente, nos que me inclúo. Pero xa que o teño, por que non instalalo, coa de horas que teño perdido diante dun ordenador, furgando neles a maiores de escribir. Por riba, teño un deses lectores que son como os comediscos aqueles que foron dos primeiros (e dos últimos) tocatas portátiles. E aínda máis: tiven en funcionamento o tal DNIe, pero alá foi cando tiven que cambiar de ordenador. O caso é que o novo aparello non me recoñecía o comeDNIes. Tiven que ir á web do coreano (ou iso pensei) que os fabrica e baixar un driver ou parche para que se me levaran ben outra vez. Proba superada. Logo tiven que entrar na páxina correspondente do Ministerio do Interior, onde hai unha web específica para instrucións e dúbidas. Para as posibles dúbidas das institucións sobre se a contrata dos DNIes é solvente tecnicamente ou non. É solventísima: non hai quen a entenda, por moito que estea nos idiomas que falamos por aquí (non como a páxina dos coreanos). Tanto o intentei que me cheguei a aprender de memoria o contrasinal de oito números, letras (distinguindo maiúsculas e minúsculas) e signos. Mesmo soñei con el (co contrasinal e co proceso), pero nada.

Tamén tiven un certificado dixital, e tamén no ordenador vello. Este logreino importar para o novo, pero non facelo funcionar. Nos sucesivos intentos, farteime a pedir vidas laborais, que é dos trámites sinxelos para o que sirve, e tamén nada. O outro día recibín un email da Fábrica Nacional de la Moneda y Timbre recordándome que estaba a piques de caducar, e que podía renovalo por internet. Tenteino. Como xa estarán aburridos do conto, resumo: tampouco fun quen. Ao máximo que cheguei foi a que saíra isto: “Fallou a conexión segura. O elemento do mesmo nivel de SSL non pode verificar o seu certificado. (Código de erro: ssl_error_bad_cert_alert). Non foi posíbel verificar a autenticidade dos datos recibidos. Contacte cos propietarios do sitio web para informalos deste problema. Tamén pode usar a orde que se atopa no menú de axuda para informar deste sitio con problemas”.

Co que deduzo que por unha parte, eu teño un nivel de SSL mellorable (sexa o que sexa), e a FNMT moito rollo, pero non dá certificado a seguridade da súa propia web. E tampouco vin o tal menú de axuda, aínda que si abondosa información sobre o cifrado e a historia da criptografía. Nin máis opcións que utilizar dous dos tres navegadores máis usados, e só as dúas maiores compañías de telefonía, para quen o queira no móbil. O que si hai, omnipresente, é o dato dos que si conseguiron o obxectivo (2.704.199 certificados activos a día de onte), para demostrar que é posible obtelo, se non foras un burro. E sobre todo, varios mencións a que o proceso é “transparente”, que é como lle chaman os informáticos ao que eles entenden e sospeitan –con razón- que ti non. Farteime e acollinme á posibilidade de solicitalo de novo. Déronme un número co que me teño que presentar nunha das “oficinas acreditativas”. So me falta saber onde hai unha, porque na web non o pon.

 (La Opinión de A Coruña 25-02-2012/ Faro de Vigo 27-02-2012) 

Advertisements