Etiquetas

, ,

Uns máis que outros, e quizais algún case nada, pero todos somos Urdangarín. Non todos somos así de altos e ben plantados, non todos fomos uns ases do deporte, non todos demos feito unha carreira, e menos unha carreira nun sitio fino, e non todos casamos tan ben. Pero iso son cousas accesorias. Porque poñendo a man no peito, ou no peto, quen non faría presuntamente algo parecido ao que el presuntamente fixo, de verse no caso? Ou sexa, aproveitarse de ser quen era e quen é? (non poño presuntamente porque ese posto que tiña en Telefónica déronllo polo que llo deron)  Isto non quere dicir que estea avogando pola súa inocencia, ou pedindo clemencia no caso de que o condenen. Pero quero dicir que o que presuntamente fixo é algo que cadra na idiosincrasia española.

        Posiblemente algúns argumentarán que baixo ningunha circunstancia arrapañarían millóns das institucións pola cara, ou que nunca deixaron de pagar os seus impostos, ou xamais tiveron traballadores sen contrato aos que lles pagaba un cuñado (seu, non do traballador) nunha cafetería, entre cousas que se lle imputan ao xenro Real. Non digo que non, pero esa honradez individual de moitos casa pouco coa demostración colectiva de solidariedade electoral con elementos notoriamente corruptos e ineficaces –hai algúns que saen no mesmo sumario que Undargarín-. Son uns chourizos, pero son os nosos chourizos. é un argumento de voto que non existe en parte civilizada ningunha. Ese fenómeno deuse, e séguese dando, supoño que a medias por dúas herdanzas: unha vella, a da servidume ante o poder -Dios, Patria, Rey- e o mal que acabaron os intentos de converterse de súbditos en cidadáns, das Cortes de Cádiz á II República. Outra máis nova, a do franquismo, que foi unha época na se reforzou aquilo de que quen ten padriños, bautízase. Os que saían empresarialmente adiante non eran tanto por saber facer as cousas, senón por ter contactos. E iso permanece, a todos os niveis, desde os que ven con normalidade –a envexa forma parte da normalidade- que alguén se aproveite da súa condición institucional ata os que non aprecian unha especial gravidade en que defraude fiscalmente alguén que vive en boa parte –en máis parte da que pensabamos, desde logo- dos cartos públicos.

Con todo, penso que hai algo que arrepía incluso aos maiores aplaudidores de grazas, rompeduras de protocolo e campechanías varias. O detalle de que, informado o identificado como Iñaki de que se dera botado da casa a unha inquilina, e consultado sobre se se procedía xudicialmente contra ela, porque probablemente se lle darían sacado 6.000 reténdolle a nómina, o tal Iñaki contestou escuetamente “ok”. Que si. Que a maiores de deixar a unha muller sen casa, non digo que sen razón, que a empapelen a ver se lle sacan un millón de pesetas do soldo. Xa sei que os que teñen moito é porque gastan pouco, pero isto xa me sobrepasa. Lamento non ter a man o recorte dunha publicación rosa na que entrevistaban hai anos a un deportista famoso, e el contaba que acababa de rematar a súa carreira de economista “porque la vida del deportista es corta, y sales al mercado de trabajo con unos años, con menos oportunidades”, viña a dicir máis ou menos o tipo. Recorteino porque me chamou a atención que se queixase da falta de oportunidades laborais un membro dunha selección ganadora do ouro olímpico e dun equipo estrela, nunha época en que ata aos futbolistas de terceira os compensaban cun posto de traballo. Lamento non ter o recorte a man porque aquel deportista chamábase Iñaki Undargarín.

 (La Opinión de A Coruña, 3 de marzo de 2012)

Advertisements