• O resultado do congreso do PSdeG recorda bastante ao da Asemblea de Amio do BNG. O obxectivo dos dous cónclaves era conxurar a crise que atravesaban as organizacións, e nas dúas ganaron, por pouco, os respectivos aparatos, desafiados por alternativas compostas a última hora.
  • No congreso socialista, igual que en todos (sexan socialistas ou non) producíronse as previsibles doses de teatro -esas temibles invectivas contra a Igrexa e o Capital- e de falsa catarse -os chamamentos a ocuparse dos problemas da sociedade e non do partido, como se o motivo de estar alí fose o primeiro e non o segundo-.
  • E como en todos, todos tiñan razón. Tiña razón Pachi Vázquez en case todo o que dicía, empezando pola necesaria autonomía do partido, se non temos en conta que el é o responsable de non telo dito ou feito antes. Tiña razón Elena Espinosa en que o PSdeG está hoxe peor que hai tres anos, se non temos en conta que, a maiores dos méritos ou deméritos do seu secretario xeral, é en gran medida pola actuación dun goberno central do que ela formou parte.
  • Na asemblea do BNG a maioría dos asistentes decantouse pola liña habitual posiblemente porque a outra opción era a suma, que non a síntese, dos que querían volver ás esencias e os que querían mudar de rumbo. E algo parecido ocorreu no congreso do PSdeG. A alternativa era de esquerdas e citáronse compañeiros de viaxe –que non militantes- como Piñeiro, Casares ou Díaz Pardo, pero un dos seus piares era Abel Caballero.
  • Con todo, nos dous casos, o feito de que candidaturas feitas ás carreiras e sen demasiada coherencia conseguiran case empatar indica o inestable e inflamable das estruturas, que son máis capaces de estimular o instinto de conservación dos militantes que a súa ilusión. E se iso é cos da casa, que será cos de fóra. O PP terase que seguir esforzando en non facer nada a dereitas para que haxa partido (electoral).
  • A única diferenza apreciable entre PSdeG e BNG son as consecuencias orgánicas. Isto é así porque o primeiro é como unha sociedade anónima. Os afiliados poden optar por manter as accións e xa se verá que pasa con elas, ou vendelas discretamente cando conveña. O Bloque é máis ben como unha cooperativa, e os militantes deciden se quedar nela, como fixeron nos últimos anos, ou, como agora, analizar se lles paga a pena poñerse pola súa conta, facer outra ou asociarse á do lado.

 

 

 

 


Advertisements