O outro día que fun a un acto reivindicativo da sanidade pública, a megafonía atronaba co tranganillo omnipresente ese de Ai, se eu te pego. Resulta que era, tranquilizoume o organizador, a versión Ai, se me opero, que fixeron no programa da TVG Tourilandia. A canción orixinal conta un asomo de drama existencial dun mozo que ve a unha rapaza nunha discoteca e lle entra con algo tan suxestivo como “ai, se te collo!” (os brasileiros parece que de novos se comportan como os patróns de aquí cando eran novos). A letra da versión tourilandesa, bastante máis elaborada, detalla a aprensión dun paciente do Sergas ante a operación que precisa. “Eu xa fun pola privada / E non fago outra cousa que gastar / Co copago vainos dar a risa / E a algún vello, aínda o han de matar”, remata a parodia, feita bastante antes da decisión de CiU e o PP de Cataluña de cobrar un euro por cada receita farmacéutica. Para que logo digan que a vida non imita á arte, aínda que sexa a arte televisiva.

        Algúns –en realidade bastantes- aseguran que iso do copago en realidade é un repago, porque a sanidade xa a pagamos cos impostos. Outros –polo menos un que lin- din que non, que tamén pagamos a educación cos impostos, e ás matrículas universitarias non lle chamamos repago, senón taxas. O noso presidente, despois de suxerir a fusión Oza-Cesuras ou viceversa, que está a provocar riadas de visitantes Betanzos arriba, ansiosos de comprobar os efectos dunha medida tal e nunca vista, suxeriu unha terceira vía que tamén dará que falar. Non é copago, nin repago, nin outro prefixo que lle poñer a “pago”. É “un novo sistema máis equitativo na prestación farmacéutica”. Como o Novo Proxecto Común dos nacionalistas, pero en farmacéutico? Haberá que pagar a maiores do que custan as medicinas un euro por receita, como en Cataluña, ou non? Non, é “unha nova prestación farmacéutica” (é dicir, que nola seguen prestando) “na que teña moito que ver a renda dos cidadáns e a solidariedade”. Ou sexa, habería que pagar o que agora é de balde, pero soamente os ricos, ou os non tan ricos, pero vai ser por algo tan bonito como a solidariedade.

Eu véxolle certos problemas de implantación. Por exemplo, se a cousa depende da renda, ao mellor hai que ir a buscar o sintrón coa declaración do IRPF, cando non co asesor fiscal. E iso para descubrir que os verdadeiramente ricos, como teñen Sicavs, soamente pagan o 1%, ou sáelle a devolver, como a un irmán de Botín, e mesmo co frenadol lle teñen que dar unha caixa de ibuprofeno xenérico de regalo. Ademais, un non ten culpa de estar enfermo (ben, algo si a veces, por non coidarse de novo, ou non saír abrigado cando avisaban que baixaban as temperaturas), e quen dá as receitas son os médicos. En cambio, as multas de tráfico si podían depender da potencia fiscal do vehículo. Un non escolle ter oclusión intestinal ou non, pero si ir a máis velocidade do establecido. Claro que o equitativo sería subirlle os impostos aos que máis ganan, pero iso é xa política.

(La Opinión de A Coruña, 17 de marzo de 2012)

Advertisements