Etiquetas

Eu, sobre a Lei de Transparencia, estou super a favor non, o seguinte, que se di agora. Non porque considere que é un dereito dos cidadáns inexplicablemente secuestrado, que o considero. Nin porque pense que vaia servir para algo, que non o penso. Estou a favor polo que ten de axuda aos xornalistas que non poden facer noticias de interese xeral como as colas que se crean para mercar o iPad3 (e para saír nos medios desde momento en que os medios anuncian que vai haber colas para mercar o iPad3), ou que en Google hai un novo doodle (unha noticia de incuestionable relevancia para a media humanidade que usa Google, por se non se decataron, e para a outra media, porque se non teñen ordenador e/ou internet así están ao tanto do que pasa no mundo).

Volvendo á Transparencia, o de que os administrados descoñezan que fan os administradores cos seus cartos (cos dos administrados) parece tan anormal como que nunha democracia a xente votase e logo non se contaran os votos. O curioso da democracia española, outra singularidade máis, é que xa era obrigatorio facilitar eses datos. En lugar diso, o que normalmente había era propaganda na que as administracións facían publicidade do destino dos cartos que consideraba máis favorable. E se as respectivas oposicións, ou os periodistas que non teñen a sorte de poder facer noticias sobre colas polos iPads e similares, pedían cifras que quizais non fosen tan favorables, as Administracións podían dalos ou non. Se os daban, ben, e se non, pois a facer reportaxes sobre as colas, no caso dos periodistas, e no da oposición tentar que os periodistas deixen as colas e denuncien o incumprimento. Permítanme que con este calor –que como lin a alguén, máis que un golpe de calor é un golpe de estado meteorolóxico- non me poña a furgar na letra pequena do borrador actual, pero o que deixara o goberno pre-Rajoy no caixón, non era moito máis categórico: había un mes de prazo para atender a petición, se non había resposta había a posibilidade de interpoñer recurso administrativo, e se non respondían… pois podías aguantar a respiración ou ir polos tribunais, a escoller. (Polo que din os que o leron, o novo intento é o mesmo).

Agora, sentíndoo polas oposicións e polos xornalistas, creo que tampouco lle pasa nada a quen  incumpra a norma, como non lle pasa aos políticos que mintan nesas declaración de bens redactadas co mesmo rigor e parecidas intencións que os currículos profesionais. Hai si, unha pena de dez anos para quen falsee os datos. Seguro que haberá tantas condenas desas como multas das de 600 euros que fixan algunhas ordenanzas municipais por botar un papel ao chan. Non o digo por mal. É porque creo que os responsables das administracións teñen unha idea relativa dos fondos e das cifras que xestionan. De feito, sempre me chamou a atención que se puidera debater sobre datos, como se os números fosen interpretables. Se no IGAPE, que son economistas, non son quen de dar razón de 45 millóns de euros que concederon en subvencións, aínda por riba van mentir? Para mentir hai que saber a verdade, e o xeito hispánico habitual de gobernar é ir saíndo do paso. O legal, quero dicir.

(La Opinión de A Coruña, 24/03/2012)

Advertisements