Etiquetas

En cuestión dalgúns representantes políticos teño a impresión de que nos están tomando o pelo, no mellor dos casos. No peor, que eses representantes son os que son porque non hai outros mellores. Escoitándoos ás veces dá a sensación de que teríamos xente máis cabal se se escolleran por sorteo, como na mili ou nalgunhas sociedades primitivas. E non me refiro ao que pensan, senón a como razoan. Non só eses cargos intermedios, membros de direccións nas que teoricamente se deseñan as políticas que afectan a todos. Ou os deputados rasos, de cámaras grandes ou pequenas, que van –os que van- e votan o que lles dixeron que votaran. Falo de representantes que teñen que xestionar materias tan serias como as necesidades e servizos de milleiros de cidadáns. Xa adiviñarían que apunto ao –polo menos a estas horas- alcalde compostelán Gerardo Conde Roa, pero casos así hai moitos –ben, así, así, recoñezo que moitos non-.

         Calquera pode ter, como el, unha situación tributaria irregular (e ademais, parece que canto máis irregular sexa, mellor trato recibes). Pero o que non parece entender o afectado, nin quen coñecendo as súas circunstancias o propuxo para alcalde, supoñendo que podía ganar, é que independentemente do legal, eticamente hai dúas varas de medir irregularidades fiscais, como recordou antonte Núñez Feijoo. Unha para os contribuíntes normais e outra para os que cobran do que pagan os demais, da mesma forma que non é igual que dea positivo ao volante un cidadán calquera que o director xeral de tráfico. Tamén é de lamentar a súa situación económica, que polo que se ve é delicada, aínda que non parece afectar moito á súa calidade de vida. Non quero suxerir que os postos políticos deberían ser ocupados por persoas sen problemas económicos (entre outras cousas porque ser rico tamén ocupa tempo, e ademais non facilita a comprensión dos problemas que ten a xente que non o é), pero admitan que estar entrampado non é a situación precisamente idónea, en ningún dos aspectos, para xestionar unha cidade de cen mil habitantes. Ou estás a unha cousa ou estás a outra, e máis cando a número 2 da súa candidatura é parlamentaria, que supoño eu que é un traballo que levará o seu tempo.

Unicamente que eu estea enganado e gobernar unha cidade sexa unha actividade de tempo libre. Que tamén pode ser, porque nun ano o que fixo o alcalde actual, ou polo menos o que fixo que saíu nos titulares foi inaugurar dous semáforos, propoñerlle a Feijoo e a Ana Pastor poñer a estación do AVE en Lavacolla e proclamar sempre que pode os seus gustos en materia teatral e cultural, cousa que non tería por que recibir máis críticas que a súa ranciedade senón se empeñase en transplantalos da leira persoal ao campo administrativo. Pero xa lles dixen que isto non é nada persoal con Conde Roa. De feito, o concello de Ferrol acaba de prohibir un Salón erótico no recinto feiral de Punta Arnela –no que recordo ata ceas-mitin de Manuel Fraga- por “non encaixar nas actividades e usos urbanísticos permitidos na normativa aplicable”.

(La Opinión de A Coruña, 14 de abril de 2012)

Advertisements