Etiquetas
Se eu fose malpensado, que non o son, ou o que agora se chama conspiranoico, cavilaría nos servizos patrióticos que fai o Rei, que escorda algo e se fai operar cando a opinión pública máis necesita distracción. Que ante a noticia de que as axencias de cualificación baixaban a nota de España de AAA a BBB+, rotou patrioticamente a cadeira. E se fose autenticamente mal pensado, como os malos pasos da realeza (en todos os sentidos, mesmo nos máis pexorativos) son xa pan de cada día, daría por suposto que Guardiola convocou a rolda de prensa da súa despedida para agachar o impacto de que o paro vai cara os seis millóns de persoas, unha de cada cinco en situación de traballar.
Pero xa sei que o de que suba o paro vén de que é máis fácil despedir. E que hai que despedir máis porque os bancos non dan un can e as administración non invisten cadela e baixan os salarios. E se a xente non ten cartos non os gasta, e así xira a roda. E as axencias de cualificación e os mercados máis ganan canto máis incerteza promovan, así que por que van dar ánimos. E tampouco supoño que sirvan para calmalos as demostracións clásicas de submisión como os tributos de doncelas ou o sacrificio dos primoxénitos (ou, polo menos de momento non os esixen). De que o Goberno ou gobernos fagan algo, xa nin falo. Así que eu escollo o meu argumento de distracción favorito: a elección de Antón Reixa como máis que probable presidente da SGAE.
Igual que a presidencia do Goberno ou o banquillo do Barça, herdar a xestión da SGAE é apandar cun problema (sobre todo nos casos de España e da SGAE). Neses dous postos, a vantaxe é que o antecesor saíu queimado, ou sexa que malo será. Voume centrar na Sociedade de Autores, dado que de Rajoy e de Guardiola todo o mundo fala, que a quen eu coñezo é a Reixa, e a quen lle van caer proporcionalmente máis labazadas vai ser a el. A min parécenme impresentable os modos cos que se desenvolveu a entidade, discrepo do modelo de dereitos de autor que defende, e por suposto da Ley Sinde e da súa máis que discutible apropiación de potestades xudiciais. Incluso non me deixa de parecer pavera a defensa que se ven obrigados a facer os músicos de quen foron historicamente as súas bestas negras, as discográficas. Pero criticar que Reixa optase á presidencia da SGAE -e se convertese, como se di agora, nun firme candidato ao título de “tu antes molabas”- é tan lexítimo como obtuso. En primeiro, porque quitado que admitamos a Mick Jagger como patrón do bo avellentar e arquetipo de evolución persoal, Reixa xa non ten que molar ou non. E en segundo e sobre todo, porque a SGAE vai a existir igual, e sempre será preferible que a dirixa quen se propoña eliminar os aspectos máis impresentables. Pola mesma razón que os gobernos son o Mal, pero votamos para que estean neles os que son os menos malos. E se non, porque todos son iguais, é cando logo descubrimos que uns son menos iguais que outros.
(La Opinión de A Coruña, 28 de abril de 2012)
Como a min me gostava xogar ao furbo, a pesar da existéncia da LFP, creo que o melhor que se lhe pode dizer a quen pretenda melhorar o presente e mailo futuro, sexa lidiando coas ex-negreiras ex-discográficas ou co governo da Galiza ou duma comunidade de proprietários, é aquilo que lhe deitou o Lancastre ao seu vástago (sempre dispensando):
-Claro que si, filho. Que Deus te ampare.
Saúde de imprensa.
Mellor que o que lle dixo un Lord Chesterfield para previr a seu fillo do sexo: “o pracer é momentáneo, o custe desmesurado, a postura, ridícula”.
Para todo hai que vicevaler.
Manhá reabre o Dublin. Se che presta uma cervexa, estás convidado.
Como non diria O Outro Irlandés que tamén naceu en 1906:
fazer do baleiro
novos cimentos
http://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/05/04/galicia/1336132435_509746.html