Etiquetas

, , , ,

Aínda na resaca das proclamas á liberdade de prensa e as queixas de como está o periodismo, permítome apuntar dous casos que explican por que se desaparece este oficio de contar cousas non é o mesmo que a extinción dos repartidores de xeo cando se inventaron as neveiras. Un o de Conde Roa, o alcalde bengala (polo alto que subiu e canto brillou antes de caer). Outro, o dun xuíz de Valencia sancionado por adxudicarlle concursos a quen asistía a uns másters que daba. Nos dous casos, as respectivas condutas eran coñecidas, pero non pasaba nada ata que alguén puxo negro sobre branco o que xa se sabía.

     De Conde Roa sabían no seu partido a súa situación e o seu particular modo de moverse nela, e non dubidaron en propoñelo como rexedor para a capital administrativa de Galicia. Sabíano boa parte do electorado (e posiblemente aínda o sabían máis os seus votantes) e non tiveron reparo en elixilo para xestionar a cidade na que viven. Tiveron que ser uns funcionarios públicos (de Facenda e da Fiscalía) e uns periodistas que fixeron o seu traballo quen sacaron á luz o que era coñecido pero facíase como que non. O caso de Fernando Presencia é o dun maxistrado dun xulgado do Mercantil que tiña dúas actividades extralaborais. Unha era dar cursos e másters, mesmo nas dependencias xudiciais. A outra promover a súa figura nos medios de comunicación, para o que contaba, caso único na maxistratura española, cun gabinete de comunicación persoal. O dos cursos foi o que lle ocasionou a sanción, ao comprobarse que os seus másters, baratos non eran (uns 12.000 euros), pero pagaban a pena porque o director do curso, na súa faceta de xuíz, designábate administrador concursal. (Por se teñen pouco mundo mercantil, administrar unha suspensión de pagos duns 300 millóns supón cobrar arredor do medio millón). Nos ambientes xudiciais e mercantís de Valencia era vóx populi, pero o asunto saíu cando o Consejo General del Poder Judicial decidiu abrir unha investigación sobre a quen lle adxudicaban os concursos os xuíces en toda España. Pechouna máis rápido do que a abriu, e ao único que pillou foi ao titular do Mercantil número 2 de Valencia, porque un avogado se tomou a molestia de proporcionar os datos e ameazar con denuncialo á Fiscalía. Mentres o diario Levante informaba da investigación, outros de Madrid e Valencia relativizábana, chamaban aos xuíces a solidarizarse co investigado, e mesmo chegaron a afirmar que Presencia ía asesorar ao Banco de España en materias mercantís. Case un ano despois, o Poder Judicial estableceu que o investigado lle dera concursos a 27 dos 44 alumnos que seguiron o seu máster, o que constituía unha falta moi grave. A sanción é que terá que coller un destino a máis de cen kilómetros de Valencia. Poderá seguir impartindo xustiza coa imparcialidade, ecuanimidade e desprendemento que demostrou, sempre que sexa noutro lado. (Tamén un maxistrado en Canarias volverá exercer despois de asesorar a un narco). Non se sabe que será do avogado que denunciou o asunto. Da mesma forma que en Compostela quen deu exemplo de gallardía, segundo o presidente da Xunta, non foron os funcionarios, os periodistas e o xuíz, senón Conde Roa. Dous casos manifestos de rehabilitación e reinserción na sociedade.

(La Opinión de A Coruña 5 de maio de 2012)

Advertisements