Etiquetas

, ,

Non nos podemos bañar dúas veces no mesmo río, segundo lle atribúen ao filósofo grego Heráclito, aínda que polo que realmente dixo debía ser galego: “nos mesmos ríos entramos e non entramos, pois somos e non somos os mesmos” (que é parecido, pero non é igual). O raro é que non podamos bañarnos dúas veces no mesmo río, pero si poidamos tropezar dúas veces na mesma pedra. É o que lle pasa a toda a humanidade por xunto, e agora en concreto a desta nosa contorna europea, que parece mentira que non aprenda.

Os gregos, por exemplo, será por pedras. Leváronse entre eles bastante a matar, desde cando levarse a matar era literal. Cóntao desde Homero na Ilíada ata Gore Vidal na algo máis recente Creación. De todas formas, do das labazadas pola zona encargáronse os turcos a mor parte do tempo. Cando xa foron independentes, ou volvían ás andadas entre eles ou os mangoneaban as potencias occidentais e algunha oriental, e en xeral quedou patente que estaban nesa parte de Europa que producía máis historia da que podía consumir, en definición de Winston Churchill. Grecia tivo unha entrada no século XX máis que axitada, e a II Guerra Mundial colleuna baixo a ditadura fascista dun tipo con nome de tequila, Metaxas. Mussolini xa invadira Albania, e o colegueo ideolóxico non lle impediu facer o mesmo con Grecia.

De todas formas, a habilidade italiana para as conquistas non inclúe as militares. Os gregos non soamente resistiron aos fascistas, senón que lles paparon Albania. Tiveron que intervir os nazis para derrotalos. Os gregos rendéronse o 21 de abril de 1941, pero como non había ningún representante italiano, Mussolini obrigounos a que se renderan outra vez o día 23. Deberon empezar a pelexar xa o 24. As forzas da resistencia contra os alemáns e contra os nazifascistas locais. Os resistentes monárquicos contra os comunistas. Cando rematou a guerra, Grecia quedou na área de influencia angloestadounidense, segundo un reparto de Europa que fixeron na conferencia de Yalta nun cacho de papel cun lapis azul Churchill, Roosevelt e Stalin, segundo contou o primeiro nas súas memorias. Outra vez colleron a uns dos reis que había por aí e puxéronllelo. As forzas de esquerda e comunistas, maioritarias en Grecia, arrepuxéronse. Houbo unha guerra civil e dous gobernos ata 1950.

Os resultados das pasadas eleccións, que tanto pasmo causan no mundo mundial, non deixan de ser as pedras habituais. En Grecia houbo sempre unha forte presenza da esquerda comunista e da poscomunista, e un pouso fascista apreciable. Iso varrérano debaixo da alfombra os euros, as axudas e as contabilidades europeas e agora sae á luz. Ah!, e os alemáns deberían saber por experiencia que cando apretas algo ou a alguén tes que deixar algunha saída, ou indefectiblemente estoupa. Deberían recordar que foron precisamente as enormes cargas económicas que lles impuxeron a eles os vencedores da I Guerra Mundial, as que lles impediron levantar cabeza e provocaron as ansias de revancha e o ascenso do nacionalismo militarista que cristalizou no nazismo. Porque unha cousa é tropezar dúas veces na mesma pedra e outra levala para casa para tropezar a gusto cando nos preste.

(La Opinión de A Coruña, 12 de maio de 2012) 

Advertisements