Etiquetas

, ,

Hai un señor que escribiu un libro que virá presentar esta semana á Coruña que se chama No hay huevos (o libro, obviamente, non o señor), segundo me conta un amigo empresario. Pese ao título, o autor, Manuel Dafonte, non reta ao lector a que salia fóra a discutir algo, senón que analiza as circunstancias do emprendedor que fracasa, e describe un caso concreto, o seu. O mesmo día no que me falaron do libro, outro amigo, este do sector inmobiliario (o lector apreciará que teño polo menos dous amigos de ámbitos que non esperaba que os tivera) comentoume arrepiado que o peor non son os rescates que se están a facer no sector financeiro, senón que non se sabe o que vai haber que rescatar realmente. Imaxinarán que me fun moi tranquilo para a casa.

         No caso do emprendedor fracasado, o de No hay huevos é un tanto enganoso, porque non incita a emprender. Se entendín ben o libro, vén a concluír que emprender en España é chorar. Dado que vendas non busca –o libro está en internet, en libre descarga– quizá o que pretenda é precisamente espertar o espírito durmido do emprendedor, ou retar a súa faceta competitiva. Non é o meu caso, pero supoño que canta máis xente esperta haxa, mellor. Interésame máis, polo que me toca, o tema burato financeiro. E non porque teña un peto, como dicían as nais. Mais ben, sempre tiven foi un burato nos petos propios, pero non quero falarlles das miñas finanzas. O que me dicía o meu amigo é que no fondo, a falta de confianza no sector financeiro español, aquel que ata hai seis meses era dos máis sólidos do mundo, é porque ninguén sabe a profundidade do pozo ou a toxicidade das augas.

E como non se sabe, preguntarán, todos modestos, facéndome a honra de facer que saben aínda menos ca min destas cousas? Ben, coas explicacións de Rajoy, tipo contas da familia que garda os cartos para a compra nun bote de colacao e non gasta mais do que ten, non imos a lado ningún. Xa saben que hoxe os cartos son fantasías contables. Se vostede ingresa nun banco 10.000 €, vostede ten 10.000 € e o banco tamén. Xa son 20.000. Dependendo das condicións, poden estar investidos en fondos de pensións de Pensilvania ou fábricas de arados húngaras, ou en hipotecas a señores que lles apareceron por diante da porta ou en créditos a señoras para cambiar as cortinas da casa. Os seus 10.000 bolos andan rulando por aí como se fosen 130.000 ou 400.000 sen problema, en cousas serias ou en minas de ouro en Marte.

Ben, o asunto é que houbo certa alegría de máis na fantasía contable. Nuns sitios máis que noutros. Aquí parece que foron moi alegres. Cada día descubrimos que máis, pero non sabemos ata que punto. E estamos no momento en que non sabemos que é peor, se eles sabían e nos enganaron, ou non o sabían e se enganaron eles. Dito doutra forma, se estivemos en mans duns ladróns ou duns burros, ou a dúas cousas. De momento, todo apunta a que os burros fomos nós. E os ladróns xa se verá.

(La Opinión de A Coruña, 19 de maio de 2012)

Advertisements