Etiquetas

,

Carlos Dívar compareceu diante dos medios de comunicación e respondeu a seis preguntas. Punto. Aí acaba a noticia. Dívar –que lles recordo que é o presidente do Tribunal Supremo de España e do Consejo General do Poder Judicial, que goberna os xuíces todos- estaba ultimamente algo esixido, que diría Arsenio Iglesias –ese non fai falta que lles diga quen é- porque un compañeiro seu considerou que non era moi católico que lle pagaran como gastos oficiais 20 viaxes a Puerto Banús, a hoteis de luxo, con ceas ídem, durante fins de semana de non menos luxo, xa que duraban non dous días, senón polo menos catro (e por iso lle chamaban caribeñas).

        O que dixo foi que se desde 2008 ía máis ou menos unha vez cada dous meses a un hotel de Marbella de catro estrelas -“no de lujo, al contrario, bastante económico para lo que es la zona”- e se comeu e ceou 40 veces nun restaurante de luxo cunha persoa que non quixo dicir quen era, era por razóns oficiais. Entre outras cousas, porque dixo que era presidente do TS e do CGPJ 24 horas ao día. Tamén que sempre, sempre se facía cargo dos seus gastos privados. (Claro que sendo 24h/día presidente do TS/CGPJ non hai tempo material para ter vida privada).

Dicía antes que a noticia era a comparecencia, por dúas razóns. Porque explicacións non houbo, e porque a mera aparición para dar a entender que se van a dar explicacións xa é unha novidade. Porque no actual contexto, a noticia non é xa que membros da familia real –a partires de aquí, por favor, poñan “presuntamente” diante de todas as formas verbais- aproveiten a súa condición para dar pelotazos varios e defraudar a Facenda. Ou que os representantes das altas institucións do estado vaian de parranda, arrastrando coches e escoltas, sen máis coidado que o de ir apañando as facturas para logo cobralas. Ou que entidades bancarias presenten contas xuradas con beneficios millonarios e uns meses despois perdas multimillonarias, sen que a sutil diferenza obste para que os directivos leven substanciosas indemnizacións polos servizos prestados. A noticia non é que todos eses señores non vaian diante dos tribunais, que non van (quitado os do primeiro caso). Tampouco que se vaian investigar xudicialmente, e logo se verá se se imputa a alguén. A noticia, tal é como está a cousa é que alguén acceda, se digne, se rebaixe, se pare a pensar, que ten que dar algunha explicación. De pasar 20 fins de semana de catro días en hoteis de luxo en Marbella ou de gastarse 13.000 euros en 40 ceas, por suposto oficiais. De ter cobrado millóns de euros de indemnización despois de deixar a Bankia cun burato de XX miles de millóns de euros. De decidir cubrir ese burato con cartos públicos. Aquí ninguén explica nada. Nin por que tiveron 23 días en prisión preventiva nin lle piden 36 anos de cárcere a unha sindicalista por ter queimado unha caixa con billetes de mentira diante da Bolsa de Barcelona. Aldous Huxley dicía que tal vez este mundo era o inferno doutro planeta. A min paréceme que é o plató do Gran Hermano doutro mundo moito máis grande.

(La Opinión de A Coruña 2 de xuño de 2012)

Advertisements