Etiquetas

,

Aínda está dando os primeiros pasos a Eurocopa, e España xa está nos primeiros postos en algo: é o cuarto país da Unión Europea en porcentaxe de nenos pobres, despois de Romanía, Letonia e Bulgaria. Aquí, por primeira vez na historia, son os nenos, e non os vellos, o colectivo máis afectado pola crise económica. Un estudo de Unicef sinala que máis do 17% dos menores viven por baixo do chamado umbral de pobreza, que está establecido en ter menos de 15.820 euros anuais para unha familia de dous adultos e dous nenos.

    Os números tampouco teñen conta dos dramas. Todos soubemos de xente, incluso nós ou os nosos pais ou avós, que tiñan pouco e eran máis ou menos felices, ou iso contan agora. Pero agora cada vez hai nenos que o que contan na escola é que soamente fan unha comida diaria e que teñen fame, e moitos máis non levan o material escolar que lles piden. Das cousas que máis pena me deron na vida, foi unha que me comentou a apreciada, tanto cando discutía con ela como cando non, e xa desaparecida exconcelleira e exdeputada do PP Elisa Madarro: nenos que suspendían e repetían curso adrede para que os pais non se viran na necesidade de terlles que comprar libros novos. E sen chegar a eses extremos, o que é certo é que está baixando o uso de actividades extraescolares, as mochilas duran máis tempo… como pasa sempre en tempo de crise, a fenda das diferenzas ensánchanse. E ese posiblemente vai ser o efecto máis xeneralizado e máis duradeiro da crise: que un espazo igualitario como era o ensino público, por ser universal e gratuíto, vai deixar de selo pouco a pouco, ou non tan pouco a pouco, porque quen pode vaise refuxiar nos concertados.

Ao lado, ou enfronte, desa realidade, tamén estamos moi ben colocados no uso de smartphones, é dicir, de teléfonos móbiles dos que chaman intelixentes e o que son é caros. En marzo, segundo un estudo, eramos os segundos entre seis países como Xapón, Estados Unidos, Alemaña,… só por detrás do Reino Unidos, e neste mes, segundo outro informe, xa adiantamos aos británicos. Non quero dicir que os mesmos que están preguntando se poden reservar o iPhone 5 sexan os mesmos que lle taxan o material escolar aos seus rapaces, pero todo é cuestión de prioridades. 750.000 nenos de entre 4 e 12 anos ven a televisión despois das dez da noite e dos 20.000 despois das doce, segundo un estudo de 2010 da Universidade de Valencia, e se estes o recoñecen (eles ou os pais) deben ser moitos máis, e a culpa, evidentemente, non é deles, senón de quen os deixa. Dixéronme de pais (en concreto nais) que xustifican que a filla adolescente falte ás primeiras clases porque necesita descansar e coidarse, porque o seu futuro é ser “famosa”.

O caso é que a uns lle están estrangulando o futuro por falta de medios e a outros por falta de atención, ou de control. Deberíanos de importar, mesmo por razóns egoístas: serán eles precisamente os que nos terán que coidar a nós.

(La Opinión de A Coruña, 9 de xuño de 2012)

Advertisements