Etiquetas
“Pues ya verás a partir del día 1, cuando tengas que pagar por los medicamentos”, escoitei que lle dicía a farmacéutica á unha señora cando tocou que me atenderan. A señora demostrou estar ao tanto da actualidade, porque rosmou con que tanto aforro e logo gastaban 190.000 euros nun retrato de Álvarez Cascos. “No, si aquí lo mejor es atracar un banco, vas a la cárcel, cama y comida unos años y después cobras el paro”, retrucou a farmacéutica. Chocoume, porque era o bastante nova como para non ter un prexuízo tan rancio, e porque aínda haxa alguén que estea en algo de parte dos bancos.
A verdade, ter que estudar unha carreira para pagar unha auténtica millonada por unha farmacia e tentar amortizala tras dun mostrador, ou para estar tras dun mostrador por un salario é duro, pero atracar un banco é aínda máis duro, con perdón. Quitado que sexas David Niven, George Clooney e todos eses personaxes da ficción cinematográfica que dan proveitosísimos golpes estudados ao milímetro, atracar un banco foi sempre unha especialidade de tipos botados para adiante, sen demasiado que perder. E con moi pouco que ganar, coas actuais medidas de seguridade. Mirando en internet os tres últimos xuízos por atracos bancarios (a man armada) atopei un en Palma no que condenaron a un a sete anos por dous asaltos nos que sacou “máis de 800 euros”; un xuízo contra tres homes en Xixón aos que a fiscalía lles pide 12 anos por un atraco no que levaron 1.000 euros, e outro na Coruña, o máis prexudicado, ao que lle piden catro anos e medio por un botín de 740 euros. Xa me dirán se paga a pena.
Sobre todo en comparación tamén co último -de momento- escándalo de presunta corrupción en Valencia. Seis millóns de euros que teoricamente foron a ONGs, …ben, en realidade si que foron a ONGs, pero a ONGs de xente como un que fora xefe de prensa de Aznar, e os cartos acabaron en pisos en Estados Unidos e en iates. Polo de agora hai 22 imputados, e a fiscalía pide imputar a dez máis. Seis deles traballan na administración autonómica e os outros son membros de media ducia de ONG e empregados das empresas da trama que saquearon os fondos e os desviaron a empresas de España e Estados Unidos. No cimo de todo está, ou polo menos era o conseller de Solidaridad y Ciudadanía, un señor –perdón, un individuo- chamado Ricardo Blasco. Blasco era do FRAP (Frente Revolucionario Antifascista y Patriota) nos últimos anos do franquismo. En vez de seguir o consello da farmacéutica, soubo velas vir e afiliouse na transición ao PSOE, e casou coa irmá de Cipriá Ciscar, aquel dos rizos que foi ministro. Foi conseller de Presidencia e logo de Urbanismo, ata que un escándalo de soborno a cambio de recalificacións motivou que o botaran. Creou un partido socialista propio, unha converxencia valenciana e despois arrimouse ao PP. Acabou sendo outra vez conseller, con Zaplana e cambiando de bando, con Paco Camps. Sucesivos escándalos fóronlle quitando poder, ata deixalo soamente en portavoz do PP no parlamento valenciano. Moito mellor que atracar bancos, onde vai parar.
Sempre me pareceu a min que antifascista e patriota casaba moi mal con revolucionario…cantos lodos para tantos polvos (que ao final tampouco foron tantos como se pensa!)…
Si, iso é como o de bo, bonito e barato, que pode ser dúas cousas, pero non as tres.