Etiquetas

,

No medio do alborozo pola recuperación do Códice Calixtino, non sei se consideran de mal gusto facer preguntas en alto sobre aspectos que non me cadran, pero en definitiva, niso consiste o periodismo. E a verdade, empeza por non me cadrar como deu sobrevivido o pobre do libro oitocentos anos, sempre de acá para alá. Se o encargado do arquivo recoñece que fixo “unhas anotacións” nel, que non lle faría a encargada da limpeza. A min contáronme que hai nada, un profesional que lle foi sacar unhas fotografías, cando acabou viu que o deixaran só, e percorreu corredores e cuartos da catedral co libro debaixo do brazo, ata que atopou a alguén –que non era quen llo deixara- a quen devolverllo. Vamos, que o do garaxe non deixou de ser outra aventura máis.

       Entre as cousas que non me cadran está a de cómo se poden mangar 1,2 millóns de euros dos cepillos. Falo con coñecemento de causa. Fun monaguillo, e os únicos asaltos posibles eran ao viño de misa. Dos petos debe ser imposible sacar os cartos directamente, e de alí irán a un caixón con chave ou a unha caixa forte. Claro que se tiña a chave posta, como a do Códice… E se o tipo non vendía ningún dos obxectos que roubaba na Catedral, para que os quería: como regalos de voda?, pretendía montar un lugar de culto pola súa conta? Ben, en todo caso ese era o seu problema. O raro é que un tipo que se está levantando 48.000 euros anuais dos cepillos como mínimo (e calculando que non gastara nada, que é moito supoñer, dado o parque inmobiliario que tiña), rompera coa fonte do seu sobresoldo por unha débeda de 40.000.

Non sei aquí, pero nas series da televisión, co morto aínda quente o primeiro que preguntan é: “sabe de alguén que quixera matalo?”. Aquí, desde o primeiro momento o locuaz deán dixo –e agora nega- que foi por vinganza, e mesmo lle debeu dicir á policía, como di agora, que o electricista, co que tiña unha relación estreita, sen precisar canto, o ameazara con “desgraciarlle a vida”. Resulta que as cámaras de vixilancia gravaron ao ameazante saíndo da catedral cun vulto debaixo da chaqueta o 4 de xullo, un dos días nos que se puido producir o roubo, e un inspector de policía elevou á semana un escrito aos seus superiores apuntando xa ao que resultaría ser o seu autor. Home, para min que se esperaron a trincalo cando o trincaron foi para celebrar o aniversario.

E por último, está a polémica de onde gardalo, despois de que Mariano Rajoy viñese facer o saque de honra da entrega. O deán, que parece que non se acorda de que dimitiu de arquiveiro, ou manda igual nos libros, di que o vai agachar nun lugar secreto que soamente o saiban dúas ou tres persoas. Véxoo difícil. Cando algo sae en televisión, todo o mundo o quere ver, aínda que non saiba que é nin para que sirve. Ademais, cando agacharon o corpo do Apóstolo porque viña Drake, tardaron 300 anos en atopalo, se é que atoparon o mesmo que agacharan.

(La Opinión de A Coruña, 7/7/12-Faro de Vigo 10/7/12)

Advertisements