Etiquetas

, , ,

Pois si, perdoen a expresión, pero si a dixo ante o país todo unha representante da cidadanía como Andrea Fabra, esposa, filla, neta, bisneta e tataraneta de políticos, que se me vai pedir a min, que se me remonto dúas xeracións xa aparecen os sachos. Andrea Fabra dixo “que se jodan!” despois dos aplausos que recibiu Mariano Rajoy dos seus deputados ao anunciar os recortes sociais. O seu partido primeiro achacou o improperio a unha manipulación da oposición (a algún deputado ventrílocuo, posiblemente). Despois ela recoñeceu que si, pero que non se refería aos afectados polo machado de Rajoy, senón aos socialistas. Deixemos a Andrea. Debe ser duro criarse sen ter nunca un traballo de verdade, e cun pai ao que lle toca sempre a lotería, ao que lle erguen estatuas en vida e que ten un aeroporto para pasear. A incógnita é qué aplaudían os demais.

        Ninguén nega que hai que aforrar, recortar, facer sacrificios e todo iso. O que se discute -niso consiste gobernar, en escoller entre varios males- e a quen van afectar. E aquí os aforros/recortes/sacrificios sempre lle afectan aos mesmos, xa desde o goberno de Zapatero, como moi ben dicía daquela o PP. Subir o IVE do 16% ao 18% supoñía, tal e como dicía con toda razón Esperanza Aguirre cando pedía sinaturas en contra, máis paro, e máis recesión, menos actividade económica, menos comercio e menos aforro. Subilo ao 21% é o mesmo, pero un punto máis. Ou minten agora ou mentían antes. E argumentar que hai que subilo porque hai moitos que non o pagan é igual que multar aos que cumpren as normas de tráfico porque hai moitos que non as cumpren. Recortarlle a prestación aos parados ou a paga de Nadal aos funcionarios é mallar nos que non que se pode e non nos que se debe.

Se hai parados que non son moi espelidos en buscar un choio, menos o foi tradicionalmente o INEM, e se os hai que cobran irregularmente o subsidio, para iso están os servizos de inspección. E os funcionarios teñen un posto de traballo en base a igualdade de acceso, polos seus méritos e capacidades, e a súa estabilidade é precisamente o que garante a súa independencia do poder político. Quitarlle días libres non supón aforro nin mellora da produtividade ningunha, soamente unha chiscadela populista a esa poboación que estando cega, parécelle mal que haxa quen aínda teña un ollo. E definitiva, esas medidas que aplaudiron homes e mulleres votados por xentes de boas intencións (e que en moitísimos casos seguen defendendo, porque en España a xente é dun partido como dun equipo de fútbol) supoñen fundir na pobreza a moita xente, comer polos pés á clase media, e a ver se así o entenden, quitar cartos do mercado e afundir as pymes, que son as que crean emprego, e non os puticlús como Eurovegas.

E o malo é que hai outras alternativas. Os técnicos do Ministerio de Facenda aseguran que coas medidas de Rajoy, recadarase menos que creando un novo tipo de imposto de sociedades para grandes empresas, e un para transaccións financeiras. Xa, pero non pretenderemos que vaia facer iso un goberno de dereitas, non?

(La Opinión de A Coruña 14/07/2012)

 

 

 

 

 

Advertisements