Etiquetas

, , , , ,

Cando o partido que está no Goberno chegou ao Goberno, ou máis ben cando todos sabíamos que ían chegar ao Goberno, eles e os que daquela estaban no Goberno incluídos, había un rumor xeneralizado: “estes, polo menos, están preparados”. Estaban preparados porque se supón que a xente de dereitas sabe como manexar os asuntos dos cartos sen se poñer nerviosos, porque están afeitos a tratar con eles desde pequenos, como quen vive entre lobos no medio do bosque. E estaban preparados porque tempo tiveron a prepararse, que sabían que ían ganar con ben máis anticipación que o Real Madrid a Liga pasada. Pois menos mal que tiñan preparación e tempo, porque se os chega a coller de improviso, nestes momentos temos aos cascos azuis da ONU regulando o tráfico nos cruces, por falta de enerxía eléctrica para que funcionen os semáforos.

      Para non dispersarme, como fago sempre, voume centrar nun. En Cristóbal Montoro, por exemplo, que non é precisamente un recén chegado a isto, e que xa fora ministro no goberno efectiviwonder de Aznar. Montoro será intelixente, pero listo é ben pouco, porque a ninguén se lle pasa pola cabeza dicir que se non sube a recadación hai risco de non pagar as nóminas do Estado. Se tes un bar e llo dis aos empregados, ben (ou mal, pero así é a vida), pero sendo ministro de Facenda non é declaración ideal para insuflar confianza dentro ou fóra do país. Tranquilizados os funcionarios, os inversores internacionais e os mercados, Montoro enfrontouse a un obxectivo máis difícil: os pais que dentro de mes e pico temos que mercar o material escolar para a volta ao colexio, cos petos esquilmados polas vacacións, pola crise e polos tres puntos que subiu o IVE, do 18% ao 21%.

Tranquilidade, o ministro asegura que o IVE dos libros de texto e dos mapas manteráse no 4% e o que subirá será “otro tipo de material difícilmente clasificable como escolar, como un cuaderno para escribir, o lápices”. Efectivamente home, a quen se lle ocorre clasificar como material escolar un caderno para escribir. Tampouco son material escolar os compases (que todo o mundo sabe que se usan para deseñar mísiles intercontinentais), plastilina (reservada para obras públicas e bocetos de estatuas de próceres, a pé ou dacabalo) e cadernos de caligrafía (reservados aos museos, porque xa ninguén aprende caligrafía, polo que se ve). As gomas de borrar tampouco son material escolar. Posiblemente as brandas sexan alimentarias –eu polo menos comíaas- e as duras armas de destrución ou de construción masiva. Así que xa imaxino diálogos como este en moitas casas dentro dunhas semanas:

-Papá (ou mamá), necesito libretas, lápices e bolígrafos.

-Estás tolo! Ti quéresnos arruinar? Un netbook ou unha tablet e vas que chutas, e porque non hai pizarrillos, como no tempo do avó. Vaia co pequeno! A culpa é túa que sempre lle consintes todo. Unha libreta! Para iso nos matamos a traballar túa nai (pai) e eu…

Moi ben, Montoro.

(La Opinión de A Coruña, 20/07/2012)

Advertisements