Etiquetas

, , , , ,

Teño que recoñecer que non me cae ben de todo o señor Sánchez Gordillo. Nas súas aparicións ten sempre un aire dramático e transcendental, síntoma de que se toma moi en serio a si mesmo.

Pero como me caia ou me deixe de caer a min o alcalde de Marinaleda non vén a conto. (Aos seus veciños cáelles excelentemente, porque tres de cada catro vótano). E moito peor me caen os que nos toman a todos por parvos, e nos queren facer crer que hai un conflito institucional ou os mercados se sobresaltan porque un líder sindical/alcalde/deputado autonómico encabece unha performance reivindicativa levando sen pagar uns carritos de comida dun Mercadona.

    Está claro que o que fixo o líder/alcalde/etc é ilegal, como non se cansan de proclamar nas tertulias xente que cobra por iso máis do que custa encher varios carritos (ironicamente, os dunha cadea de ideoloxía extrema cobran en vales duns grandes almacéns). É ilegal como o foi a negativa de Rosa Parks a cederlle un asento a un branco nun autobús de Montgomery (Alabama), acción que desencadeou o movemento dos dereitos civís nos EEUU, ou era queimar as cartas de recrutamento en protesta pola Guerra de Vietnam (poño exemplos de resistencia civil nos USA porque aquí o que facemos civil son as guerras). E supoño que esa conduta debería ter unha sanción (a de Sánchez Gordillo, a de Rosa Parks foi ir a prisión). Unha sanción proporcional ao dano causado, que penso que é un dos fundamentos de calquera dereito.

Nun país no que un membro da familia real presuntamente cobrou centos de miles de euros de fondos públicos por traballos que non valían a décima parte, diñeiro que parecía que investiu defraudando fiscalmente ao que o mantén, entre outros centos de detalles. Un país no que un ex ministro está condenado a seis anos de prisión por unha chea de delitos no primeiro dunha chea de xuízos e por aí anda ceibo e tan pancho. No que o presidente do colectivo xudicial aínda non entende que o fixeran dimitir por andar a metade da semana de chuly boy a cargo da institución. Un país, en definitiva, no que só es responsable dos teus actos (dependendo de quen sexas), pero non das túas decisións, así sexa deixar construír edificios no medio dunha praia, collerlle os aforros a un neno ou decidir que soldo tes ou que xubilación te pos. Nun país así, cal é a sanción por levar uns carritos cheos de produtos dos que a metade teñen a data de caducidade posta para provocar o seu consumo rápido?

Antes destes carritos que competiron nos titulares coas disciplinas olímpicas, houbo outro coñecido, tamén de Mercadona. O que hai uns meses “un hombre normal, como cualquiera de nosotros”, pedía axuda para pagar, cheo de vergonza. Levaba un bote de tomate e uns macarróns, pouca cousa. Eran catro euros. Déronllos, entre a indiferenza absoluta de todo o mundo, quen o contaba e unha velliña. En tempos de Franco facían esas cousas mellor. Localizarían ao tipo (ou a outro), e dona Carmen Polo saíría no NO-DO dándolle un billete grande e un carrito. Estes de agora non saben nada.

(La Opinión de A Coruña, 11/08/2012, Faro de Vigo, 13/08/2012)

Advertisements