Etiquetas

, , , , , ,

Non, non son os dous socios dunha consultora de marketing en redes sociais, senón Rafa Estévez, fotógrafo do Diario de Pontevedra e Julian Assange, fundador de Wikileaks. Na miña opinión, que non teñen por que compartir, nin seguir lendo, pero se o fan vóullela dar, son dúas vítimas de accións desproporcionadas por parte de quen precisamente nos ten que defender. Rafa, detido con máis contundencia que nas películas de crimes, acusado de agredir a un policía na recepción aos olímpicos galegos en Peinador, e Assange, refuxiado na embaixada de Ecuador en Londres para non ter que declarar ante a policía sueca por unhas acusacións de violación. Nos dous casos, non sei se son inocentes ou culpables, pero teño claro que son vítimas dun abuso de poder.

Estévez estaba ao que lle mandaron nun deses acontecementos que medios e autoridades están encantados que sexan un clamor popular e unha hemorraxia de emocións. Pero da organización ninguén –ou ninguén competente- se acorda. Os heroes saúdan, os políticos queren saudar aos heroes e ser fotografados, os fotógrafos queren sacar fotos, a xente quere saudar, saír nas fotos e ao tempo sacalas, os periodistas facer preguntas, e os policías impoñer orde e respecto. O normal é abafar aos fotografados, apartar aos que andan polo medio cos móbiles, pisar e ser pisado, e todas as veces que vin rebotes (o último, entre un fotógrafo e un escolta da familia real) foi por iso. Pero aínda que houbese esa agresión que ninguén dos que alí estaba viu, supoño que na Academia de Policía ensinan métodos máis discretos e axeitados aos sitios e ao delito que botarse entre catro a un tipo, levalo de arrastro e esmagarlle a cabeza contra o asfalto. De momento, o único parte de lesións que se coñece é o do presunto agresor.

En canto ao de Assange, acúsano de violacións a dúas mulleres. Unha, A. invitouno a Suecia a dar unha conferencia. A noite que chegou tiveron relacións sexuais. Ela di que houbo unha discusión por causa dun condón que rompeu (a propósito, segundo ela). O caso é que ao dia seguinte A. deu unha festa na súa casa para o fundador de Wikileaks, que seguiu sendo o seu invitado mentres estivo no país. Tanto á conferencia como á festa asistiu a segunda muller, S. que quedou prendada del. Tiveron relacións consentidas con preservativo pola noite, e pola mañá sen el, porque a pillou durmida, dixo ela. Logo foron almorzar e ela preguntoulle se a chamaría outra vez. Esas son as agresións sexuais. Aquí non irían a lado ningún, pero se en Suecia o son, pois o son. O que é raro, aquí e en Suecia, é que as dúas tardaran días en denunciar e que o fixesen despois de que A. acompañase a S. a unha comisaría a informarse dos perigos do sexo sen preservativo. Moitos xuristas suecos consideran que o caso é unha desmesura. Agora o presidente de Ecuador contrarresta habilmente a campaña internacional contra a súa política coa prensa dándolle a Assange asilo político. Un conflito diplomático entre continentes por un condón. Durex terá que revisar os seus estándares de seguridade.

(La Opinión de A Coruña, 18 de agosto de 2012)

 

Momento autobombo. Aquí eu co voceiro de Wikileaks, Kristinn Hrafnsson, en Ferrol

 

Advertisements