Etiquetas

, , , , , , , , , , ,

Éche unha risa o da señora esa que “rehabilitou” a pintura dun Ecce Homo no pobo aragonés de Borja e fixo un esborrancho que agora todo o mundo parodia en internet, meténdolle a cara de Rajoy, de Paquirrín,… Todo canto periodista/entertainer hai peregrina alí, buscando entrevistar á “artista” de 80 anos, mentres o concello mostra a súa indignación institucional, ata o punto de rexeitar as ofertas que lle choven de restauradores de amañar o Cristo (nunca mellor dito) gratis, e moi dignos din que llo van encargar aos que lle fan eses traballos de sempre, aínda que cobren. Gran error. Deberían deixalo como está, que é como ten mérito.

        Non digo que antes non o tivera. O autor non era moi coñecido, e se é verdade que en 1920 o pintou, como deixou escrito ao lado, “en dos horas de devoción”, e a familia di que se ofrece a doar outro Ecce Homo, pois máis ao meu favor. Pero menos rirse da pobre da vella, que está na cama cun ataque de ansiedade de tanto aturar imbéciles que van a facer gañar cartos aos seus xefes armados dun micro ou dun boli coa escusa do “interés humano”, e máis pensar en cantas restauracións oficiais deixan igrexas románicas convertidas en casas de turismo rural, con paredes recebadas e portas de madeira vernizada do trinque.

E cantos xacementos neo ou megalíticos aló foron por culpa dunha paleadora ou dunha plantación de eucaliptos. En cantos monumentos están comidos polas silvas, e en que estado ten a Igrexa os seus tesouros (vid. Códex Calixtino et altrii), etc.

E o que xa non ten restauración posible é a desfeita que lle ocasionou á economía de Galicia o PP por intereses electorais de entrada, e de saída xa veríamos se por outros máis espurios. Un dos argumentos de Feijóo foi o de que o bipartito, Quintana en concreto, lle dera as adxudicacións dos parques eólicos aos seus amigotes (e para demostración, a foto do iate tomada dous anos antes). Non deixaba de ser curiosa a acusación por parte de quen formaba parte dun partido e dun goberno que adxudicaba as cousas non mediante uns parámetros públicos (que, logo de cumpridos, as adxudicacións foron aos amigotes e non aos enemigotes si que o creo) senón directamente a dedo: ao cuñado do director xeral, ao masaxista do presidente da Xunta… O caso é que efectivamente, cando Feijóo chegou á presidencia dacabalo desas promesas de facer repartos eólicos legais e acabar co paro, e fixo un reparto novo (do paro xa nin falamos) resulta que dúas resolucións xudiciais establecen que aquel reparto do bipartito foi perfectamente legal.

Ou sexa que ou se lle indemniza aos primeiros concesionarios, ou aos segundos. Con cartos de todos, obviamente. E ademais esas moreas de millóns de investimentos, de empregos e de megavatios non se van acometer porque nestes catro anos de paralización o Goberno central di que de subvención ás enerxías renovables, nada. En calquera país civilizado sería para que dimitise o goberno, ou polo menos o responsable de industria. Ou que a oposición se alporizase. Tampouco. Aquí nin sequera lles van os entertainers do micrófono como lle van á pobre da vella.

(La Opinión de A Coruña/Faro de Vigo, sábado 25 de agosto de 2012)

Advertisements